NOTICIA

----

O CONGRESO DEDICADO A BOUHIER REMATA COA PRESENTACIÓN DE LA GALICE TRADUCIDA Ó GALEGO

O Congreso Internacional "Galicia dende La Galice. Homenaxe a Abel Bohuier" abordou na súa xornada de clausura as transformacións ás que se enfronta a xeografía agraria e demográfica da Galicia dos últimos anos.

A partir das reflexións que Bouhier tira dos seus estudios de campo, o profesor de Economía Agraria e ex conselleiro de Agricultura, Francisco Sineiro, asegurou que en La Galice "Bouhier detectara perfectamente o principal problema do campo galego, a falla de terreos de cultivos". Sineiro, un dos promotores dos traballos de transformacións de terras de monte en praderíos, reivindicou a eficacia do sistema agrícola tradicional e, trala exposición dos factores que contribuiron a poñer fin a este sistema, explicou dun xeito amplo a situación actual da agricultura en Galicia e as perspectivas ás que se enfronta nun futuro próximo.

"Estamos acostumados a afirmar que somos a grande potencia gandeira de España pero isto non é enteramente así", aseguró Sineiro, "aportamos ó redor da terceira parte da leite que se produce en España pero só representamos o 7% do mercado nacional". Segundo o responsable da comisión de Agricultura no Parlamento galego, esta situación débese "ás fugas de leite que se producen en dirección ás empresas radicadas fóra de Galicia".

Crise da agricultura
A baixa productividade do labrego galego, o abandono de terras e as grandes desigualdades que se rexistran entre explotacións moi especializadas e outras pouco productivas foron os aspectos fundamentais que Francisco Sineiro destacou como condicionantes "da situación de crise que vive a agricultura en Galicia". "Temos que reorienta-las actividade agrícola cara á multifuncionalidade dos cultivos, para aumentar a competitividade e a presencia no mercado", destacou Sineiro, quen concluiu a súa intervención sinalando que a situación de atraso que viviu Galicia no proceso de evolución do sistema agrario tradicional, foi un “caso singular con respecto ás outras rexións da Europa Atlántica".

Neste sentido, a última xornada do Congreso Internacional dedícase a coñecer a situación e os estudios paralelos que se fixeron sobre a xeografía agraria e demográfica doutras rexións da Europa Atlántica. Xeógrafos como o portugués Orlando Ribeiro, cunha formación e unha traxectoria disciplinar semellante á do xeógrafo francés Abel Bouhier, xunto con outros hispanistas franceses, serán obxecto dunha retrospectiva por parte de expertos como Suzanne Daveau, esposa de Orlando Ribeiro e profesora da Universidade de Lisboa, Jean -René Bertrand, da Universidade de Maine, Jean Soumagne, da Universidade de Angers ou Gerard Brey, da Universidade de Besançon.

La Galice, por fin en galego
A presentación da edición cuasi facsimilar da obra de referencia de Abel Bouhier, La Galice. Essai géographique d’analyse et d’interprétation d’un vieux complexe agraire, esta tarde na sede do Consello da Cultura Galega, porá o punto e final ó Congreso Internacional.

A traducción ó galego desta obra estivo a cargo do antigo colaborador da Revista de Estudios Agrarios, Benxamín Casal, quen tamén interveu no Congreso cun relatorio no que se centrou na visión que Bouhier tiña do labrego galego. Casal puxo de manifesto a superación que Bouhier fixo da tradicional visión negativa do campesiñado galego, xa que "na súa obra vai desbotando cada un dos tópicos, un a un", o que fai de La Galice, segundo Benxamín Casal, "unha referencia do pasado cara ó futuro que non se debe perder de vista para orientar o presente e o futuro dos homes de Galicia".