NOTICIA

----

FERNÁNDEZ-MIRANDA EXPORÁ A LEI DE ESTRANXEIRÍA NA XORNADA "INMIGRACIÓN: UN NOVO RETO"

O Secretario de Estado para a Estranxeiría e a Inmigración, Enrique Fernández-Miranda exporá a nova Lei de Estranxeiría, abordando os conflictos que ocasiona a súa implantación, nun relatorio que ofrecerá o vindeiro luns, 25 de xuño, no marco da xornada "A inmigración: un novo reto", que organiza o Arquivo da Emigración Galega na sede do Consello da Cultura Galega.

No programa definitivo da xornada está previsto que participe, ademais de Fernández-Miranda, na sesión a directora xeral de Familia da Xunta, Teresa Rey, que ofrecerá unha conferencia na que se farán públicas as axudas que o Goberno galego ofrece ós inmigrantes que chegan a Galicia. Durante a sesión da mañá tamén intervirá o catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, Antonio Izquierdo Escribano, un dos primeiros investigadores a nivel estatal do fenómeno da inmigración, tema do que ten publicados varios libros.

Experiencias persoais
Xa pola tarde, terá lugar unha mesa redonda na que se reunirán varios inmigrantes que viven en Galicia para poñer en común as súas experiencias. Algúns deles, como Abdherraim Mouklissi, veñen en representación da Asociación de Marroquís ELJIR, da que é o presidente mentres que outros, acoden a título persoal para facer públicas as súas vivencias. Gerardo Andrés Valdes, inmigrante arxentino, Yuraima del Valle, venezolana, e Victor Omgba, camerunés autor de Calella sen saída, un relato autobiográfico publicado na Editorial Galaxia no que se recollen os problemas ós que se enfrontan os estranxeiros cando chegan a España, serán os integrantes da mesa redonda que pechará a xornada "Inmigración: un novo reto".

O Arquivo da Emigración Galega, organizador do evento, anunciou a súa intención de darlle continuidade a xornadas sobre a inmigración, por tratarse dun tema candente en todo o Estado, nun intento de que o Arquivo non sexa soamente depositario de coñecemento senón unha fonte contínua de propostas de debate que fagan reflexionar sobre este e outros temas de interese para a sociedade.