NOTICIA

----

O CCG ACOLLEU A ÚLTIMA XORNADA DE TRABALLO DA IX REUNIÓN AMERICANA DE XENEALOXÍA

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu o sábado 14 de setembro a última sesión da Reunión Americana de Xenealoxía que se desenvolveu en Santiago desde o pasado día 10 de setembro.

Esta derradeira sesión de traballo serviu para recoller as conclusións da novena edición destes encontros, que reuniron en Compostela a reputados especialistas da heráldica e xenealoxía de España e de América.

O Consello da Cultura Galega foi unha das entidades colaboradoras que fixeron posible celebrar este encontro de especialistas de moi distintas orixes - Chile, Bolivia, Arxentina, Costa Rica, Estados Unidos ou México - , pero non a única. Na organización, a cargo do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento e a Real Academia Matritense de Heráldica y Genealogía, tamén colaborou a Consellería de Cultura, a Consellería de Emigración ou o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), entre outras institucións.

As fontes xenealóxicas americanistas, as orixes das grandes liñaxes hispano- americanas, a mestizaxe ou a pegada de Galicia en América a través do estudio da toponimia foron algúns dos temas que se abordaron ó longo destes catro días de xuntanza. Trala sesión de mañá, sábado, no CCG, a Reunión Americana de Xenealoxía pechará esta edición cun relatorio a cargo do arcebispo de Santiago, Julián Barrio na sede do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento.