NOTICIA

----

UN ESPECIAL DA REVISTA 'QUIMERA' ACHEGA AS FACETAS MENOS COÑECIDAS DE CASARES Ó RESTO DO ESTADO

Aproximarse ás facetas menos coñecidas de Carlos Casares como a de editor de cultura, xornalista ou contador de historias foi un dos obxectivos que se tentaron acadar na elaboración e publicación do monográfico CARLOS CASARES: memoria y homenaje que a revista de literatura Quimera elaborou para o seu número de xuño. Este especial da revista editada en Barcelona foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa no Consello da Cultura Galega, acto que contou coa presencia da viúva de Casares, Kristina Berg, quen estivo acompañada polo director da revista, Fernando Valls, a coordinadora do monográfico, Rexina R. Vega e o presidente do CCG, Alfonso Zulueta.

A coordinadora, Rexina R. Vega foi a encargada de explicar a xénese e os colaboradores cos que se contou para este especial, "elaborado dun xeito precipitado debido ó inesperado falecemento de Casares". Precisamente a proximidade do pasamento do escritor foi un elemento que engadiu dificultade ó especial, "porque non queríamos caer no panexírico", "tentamos que a emoción non anubrara unha visión global e obxectiva deste persoeiro".

Segundo puxo de manifesto Rexina R. Vega, profesora na Universidade Autónoma de Barcelona, "o número pretende dar a coñecer facetas menos coñecidas de Casares, como a de editor, xornalista ou contador de historias" e para iso contaron coa colaboración de escritores e especialistas que se centraron nas distintas tarefas ás que fixo fronte Casares. Así, do ámbito do xornalismo ocupouse Marcos Valcárcel, Basilio Losada, de Casares como fabulador, Camiño Noia e Silvia Gaspar, da análise literaria da súa obra,... e así ata doce expertos que ofrecen neste monográfico de 36 páxinas unha panorámica vital e profesional do anterior presidente do CCG. O número péchase coa derradeira entrevista de Casares, a que fixo Belén Fortes para "Tempos Novos".

Embaixador e home conciliador
Pola súa banda, o director de Quimera, Fernando Valls, aproveitou a súa intervención para lembrar os escasos encontros con Casares, do que falou como dun home brillante, intelixente, intelectual versátil, editor de cultura interesado en recuperar os clásicos da literatura galega e clásica, leal ó seu mestre, Ramón Piñeiro, embaixador de Galicia no exterior e, en definitiva, un home "conciliador" ó que "ninguén que tivera a sorte de falar media hora con el o esquecería".

"Para min era como un mito porque non tiven a sorte de tratalo moito pero sempre me chegaban a súas historias a través doutros amigos", asegurou Valls, que fixo fincapé no seu desexo de que este número servira para coñecelo mellor no resto do Estado e en moitos outros lugares do mundo a onde chega esta revista. Valls rematou facendo un chamamento para que se reediten as obras de Casares en castelán, agora descatalogadas "porque é a hora de ter un encontro coa literatura e as palabras de Carlos Casares".