NOTICIA

----

O CULTO A SANTIAGO E OS SANTUARIOS DE FRANCIA, MALTA E MÉXICO CENTRARON A ÚLTIMA XORNADA DUN CURSO NO CCG

O culto a Santiago e a rede de santuarios en Francia abriu a última xornada do curso intensivo "Os Santuarios como Orixe da Peregrinación no Mundo Cristián" que se ven desenvolvendo desde onte na sede do Consello da Cultura Galega e que esta tarde rematará cunha visita guiada á Catedral de Santiago.

Precisamente en torno ó culto do Apóstolo Santiago xirou o primeiro relatorio da mañá, a cargo do profesor Humbert Jacomet, director xeral de Auvernia. Segundo Jacomet, moitos dos grandes santuarios dedicados ó culto de Santiago tiveron unha grande influencia na Idade Media aínda que pouco a pouco foron decaendo en beneficio doutros santuarios moito máis accesibles para os peregrinos e que comezaron a estar dedicados á Virxe María.

Sen embargo, a grande igrexa medieval será a que se constrúa en Santiago de Compostela, un templo que sufriu numerosas transformacións desde o século IX. O técnico do Departamento de Cultura do Xacobeo, o doutor Francisco Singul, foi o encargado de facer un percorrido a grandes trancos pola transformación do Santuario desde o Renacemento ata a Ilustración a través dos distintos arquitectos, deáns e arcebispos que presidiron os seus cambios: Juan de Álava, Gil de Ontañón, o arcebispo Vega y Verdugo, etc. Segundo destacou Singul as sucesivas modificacións inaugurarase coincidindo coa celebración de Anos Santos e viñeron presididas case sempre por un intento de favorecer a súa vistosidade e acoller a un grande número de peregrinos que acudían ata ela.

Mistura de tradicións
A sesión da mañá completouse coa intervención do profesor Víctor Mallia- Milanes, da Universidade de Malta, e a profesora Guadalupe Vargas, da Universidade Veracruzana (México), quen pechou a mañá cun relatorio baixo o título "Relixiosidade católica popular e devocións en Santuarios e peregrinacións do México pluricultural contemporáneo". Na súa intervención, a profesora Vargas salientou a presencia dalgúns elementos simbólicos das tradicións mesoarmericanas anteriores á chegada do cristianismo nas prácticas devotas actuais. Precisamente, estes trazos pagáns están presentes especialmente nalgúns cultos marianos de Veracruz, onde o concepto de peregrino ten unhas características particulares.