NOTICIA

----

CULTURAGALEGA.ORG PRESENTA O VENRES A "NOVA CARA" DESTE PORTAL PROMOVIDO POLO CCG

Con motivo da posta en funcionamento do novo formato do portal de divulgación do Consello da Cultura Galega, culturagalega.org, o vindeiro venres, 21 de xuño, ás 13 horas, terá lugar o acto de presentación da "nova cara" do portal cunha rolda de prensa na que participará o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz.

Culturagalega.org é un portal de información e recursos culturais que o Consello da Cultura Galega promove como parte do cumprimento do obxectivo co que naceu: a defensa, promoción e divulgación da cultura. Con este portal, o CCG acomete esta tarefa a través de Internet e como producto feito desde esta institución todas as súas actividades non teñen ningún ánimo de lucro.

O portal, dispoñible en Internet dende outubro de 2000, é o referente da cultura galega en Internet. O novo formato mellorará o acceso para os usuarios menos experimentados e a capacidade de lectura e de recuperación da información. Ó final do acto servirase un viño de honra.