NOTICIA

----

O CCG PRESENTA UNHAS XORNADAS SOBRE OS MUSEOS COMO CONSTRUCTORES DE IDENTIDADE

O VII Coloquio Galego de Museos, arredor do tema "Museos, construindo a comunidade", celebraráse do 26 ó 28 de setembro nas dependencias do Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval-Santiago de Compostela, que acollerá asemade unha exposición indicativa da realidade e o patrimonio dos museos de Galicia. Estas actividades contan coa colaboración do Consello da Cultura Galega e o patrocinio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

O coloquio, que coincide cos 25 anos do Museo do Pobo Galego, está estructurado en tres bloques temáticos: Patrimonio e museos; Museos e identidade: a contribución dos museos na afirmación da conciencia nacional e Museos e desenvolvemento. Trátase de reflexionar sobre a contribución dos museos na configuración do "imaxinario" común dos pobos e das súas singularidades e identidades nun mundo globalizado.

Os relatores serán: Marc Maure (Noruega), Jean-Claude Duclos e Hugues de Varine (Francia) e Antonio Nabais (Portugal).
Están previstas 15 comunicacións a cargo de Felipe Arias Vilas, Carlos García Martínez, Xosé Manuel González Reboredo, Manuel Vilar Álvarez, Xosé Carlos Sierra, Xerardo Pereiro Pérez ou José Navieras Escanlar, entre outros especialistas. As sesións iniciaránse ás 10´00 horas do 26 de setembro e serán clausuradas ás 13´00 horas do día 28 de setembro.

Mostra "Museos de Galicia"
A exposición, promovida polo Consello da Cultura Galega e a Conselleria de Cultura da Xunta de Galicia, ofrecerá unha visión conxunta dos Museos de Galicia, da súa distribución territorial, do seu acervo patrimonial e dos programas de traballo e realizacións culturais desenvolvidas, a traveso de medio cento de paneis de gran formato. A mostra aborda a realidade e os retos inmediatos dos museos que forman parte do Consello Galego de Museos.