JOSÉ BABIANO: "TRABALLO E VIVENDA SON AS CHAVES DA INTEGRACIÓN DE EMIGRANTES, ANTES QUE A RELIXIÓN"

O responsable do Centro de Documentación de la Emigración Española, instituto dependente da Fundación 1º de Mayo, José Babiano Mora, foi tallante: "o traballo, xunto coa vivenda, constitúen os elementos fundamentais para poder entender a conducta dos emigrantes e o seu proceso de integración noutras sociedades, moi por riba doutra cuestións como a cultura ou a relixión", unha afirmación que el mesmo cualificou de polémica pero na que fixo fincapé no seminario que impartiu no Consello da Cultura Galega durante esta mañá baixo o título de A emigración española a Europa durante os anos 60: resultados e perspectivas.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

As políticas migratorias en España e Europa, fundamentalmente en Francia, Alemaña e Suiza durante os anos 60, así como as referencias bibliográficas coas que os historiadores contan para levar adiante os estudios sobre o fenómeno da migración, centraron boa parte da súa intervención. O profesor Babiano Mora , especialista en Historia Social e Historia do Traballo, asegurou que o que lle levou a estudiar a emigración foi o feito de que "hai unha parte da historia do traballo en España que se desenvolve fóra do país" e neste esforzo, atopouse co que cualificou como un "subdesenvolvemento historiográfico español", isto é, un déficit en canto á bibliografía consultable que fai moi difícil e moi lento o proceso de estudio desta materia.

Desinterese polo fenómeno
En canto os motivos deste desinterese por recuperar esta memoria histórica, José Babiano, indicou que non pode deberse a un problema de fontes nin ó feito de que este proceso sexa relativamente recente ou do que non hai documentación, que é moi abondosa aínda que está dispersa entre os países de orixe e de destino. "Este déficit de estudios débese máis ben, polo menos no caso dos historiadores franceses, consideran unicamente como fenómeno migratorio o exilio do 39, obviando a migracións económicas que para eles son invisibles", asegurou Babiano.

Neste sentido, o profesor Babiano botou por terra un dos mitos da política franquista de emigración, un mito que aínda se segue empregando interesadamente. "Non tódolos españois que saían do país o facían con contrato, en Francia se crearon numerosas bolsas de emprego negro que logo se empregaron para premer nos salarios daqueles que traballaban de xeito legal", dixo este historiador, quen insistiu no feito de que este mito agora é empregado polo Goberno para facer comparacións entre a situación dos emigrantes españois e a dos que agora chegan en situación de ilegalidade ó noso país.

Enramado asociativo
Tamén atacou outro mito dalgúns historiadores, o de que os emigrantes non tiñan enramado asociativo. "Había federacións e coordinadoras asociativas incluso a nivel europeo, polo que non é certo que os emigrantes estiveran desinteresados en conseguir os seus dereitos laborais", asegurou. Afortunadamente, "nos últimos 20 anos detéctanse importantes avances nestes estudios desde o punto de vista metodolóxico", afirmou o responsable do CDEE, "polo menos xa se vai máis aló do estudio demográfico e económico baseados nos datos do Instituto Nacional de Estatísticas".

A intervención de José Babiano pechouse cun debate no que se presentaron numerosas propostas de estudio, como o de facer unha historia comparada entre o fenómeno migratorio español, portugués e italiano, fenómenos que teñen moita relación xa que en moitos países se produciu un proceso de substitución de italianos por españois e españois por portugueses.