O CCG ACOLLE UN RECITAL DE LEMBRANZA A XOÁN M. CASADO, COFUNDADOR DO PEN CLUBE GALICIA

O recentemente falecido Xoán Manuel Casado, avogado, escritor e un dos fundadores do PEN Clube de Galicia, será homenaxeado nun acto que acolle mañá, venres 22 de marzo, no salón de actos do Consello da Cultura Galega, ás 20 h. Organizado polo PEN Clube de Galicia, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, con este recital preténdese manter viva a lembranza e a memoria deste escritor, falecido o pasado mes de xaneiro.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O ex presidente da RAG, Fernández del Riego, Alfredo Conde, o filólogo e secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, Margarita Ledo, Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, García Bodaño, Basilio Losada, Arcadio López-Casanova ou Méndez Ferrín, son algúns dos persoeiros que participarán nunha homenaxe que estaba previsto que abrira Carlos Casares, que tamén ocupaba a presidencia do PEN Clube Galicia.

Xoán Manuel Casado (Barcelona, 18/12/1949 - 19/01/2002), fillo do escritor galego Manuel Casado, mantivo desde sempre fondos lazos con Galicia, principalmente a través de Castro Caldelas (Ourense). Aínda que pertenecía ó Corpo de Letrados do Instituto Nacional da Seguridade Social, nos últimos anos pedira a excedencia para dedicarse á exercer a avogacía na súa Barcelona natal, unha tarefa que lle permitía ter tempo para a literatura, á que consideraba a súa principal actividade. Poesía, con Rexistro de menores espantos (1973), Os preludios (1980) ou Libro de Caldelas (1982, Premio da Crítica), narrativa, O inverno do lobo (1985, Premio Blanco Amor), traducción ou ensaio, foron algún dos xéneros que abordou Casado. O seu temprano pasamento déixanos, sen embargo, unha grande cantidade de obra inédita.