----

MAYOR ZARAGOZA ABRE O I ENCONTRO INTERNACIONAL SOBRE CULTURA DE PAZ QUE ACOLLE O CCG

A paz, os dereitos humanos, a tolerancia ou a comprensión internacional son algúns dos valores que tradicionalmente promove a cultura de paz, un concepto acuñado pola Comisión de Premios Nobel da Paz no seu Manifesto 2000 por proposta da UNESCO e baixo o que se entende un compromiso cos valores da paz entendida como rexeitamento do recurso á violencia en todas a súas formas, a loita pacífica e a educación nos valores democráticos.

Baixo estas premisas fudamentais e tendo en conta a actual situación de violencia internacional, o Consello da Cultura Galega organiza organiza o I Encontro Internacional sobre Cultura de Paz, que se desenvolve a partir de mañá, xoves 24, e durante o venres e sábado, 25 e 26 de xaneiro, no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega en colaboración co Seminario Galego de Educación para a Paz (SGEP).

Durante estes tres días, o SGEP e o Consello da Cultura Galega reunirán en Compostela a recoñecidos profesores e expertos de universidades españolas, europeas e americanas, como a profesor de Estudios para a Paz na Universidade Europea para a Paz, Johan Galtung, a directora do Programa de Educación para a Paz na Universidade de Columbia en Nova Iork, Betty Readon ou o ex presidente do Tribunal Constitucional, Vicente Gimeno.

A educación, a base
Todos eles uniranse coas súas intervencións para facer fincapé na responsabilidade dos educadores na promoción dos marcos de convivencia pacífica e integradora. A inxerencia internacional nos conflictos bélicos, a situación da muller na sociedade, o terrorismo ou a relación que mantén Occidente co Islam serán outros dos temas que se abordarán ó longo deste encontro.

A inauguración do I Encontro Internacional de Cultura de Paz terá lugar ás 10 h. no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega para, acto seguido, comezar o ciclo de conferencias co ex director xeral da UNESCO e presidente da Fundación Cultura de Paz, Federico Mayor Zaragoza, recentemente distinguido co premio 'Portapaz' concedido anualmente polo Seminario Galego de Educación para a Paz a quen se distinga pola súa loita e compromiso coa busca de solucións pacíficas ós conflictos a través dos métodos democráticos.