NOTICIA

----

CARLOS ZUBILLAGA: "TEMOS O RETO DE RECONSTRUÍR AS 'MEDIAS-VIDAS' DOS GALEGOS NO EXILIO DE URUGUAI"

O desafío de reconstruír as ata agora "medias- historias" dos galegos e facelas completas a través de traballos que non se limiten á análise do fenómeno da inmigración ou da emigración foi o reto que lanzou o profesor Carlos Zubillaga durante a súa intervención no seminario que se desenvolveu esta mañá na biblioteca do Consello da Cultura Galega.

Trala presentación a cargo da directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao, Carlos Zubillaga propuxo a apertura dunha serie de vías de investigación dirixidas a traballar a dúas bandas, desde Galicia e desde Uruguai. A identificación dos galegos que reúnan as condicións de estudio, a análise da filiación socioeconómica na terra de orixe, a recomposición das redes familiares ou de paisanaxe ou a identificación dos modelos de retorno foron algunhas dos estudio que, segundo o profesor Zubillaga aínda están pendentes e para os que "os datos existen polo que se impón a necesidade de facer traballos que dean a coñecer esta parte da historia".

"Estamos fronte a un espacio aberto", afirmou este experto na historiografía da comunidade galega no Uruguai, "pero con vieiros moi ricos e case inexplorados". Segundo Zubillaga, que presentou esta mañá un relatorio baixo o título de Hipóteses orientadoras de investigación sobre a protoinmigración galega no territorio oriental do Uruguai durante o período colonial, existen as fontes e a bibliografía para facer os estudios que esta mañá propuxo xa que existe unha grande cantidade de bibliografía que habería que revisar así como unha grande cantidade de documentación que aínda está sen tocar nos arquivos documentais.

Un período esquecido
Zubillaga, director do Instituto de Ciencias Históricas da Facultade de Humanidades e Ciencias da Educación da Universidade de La República, en Montevideo, aproveitou a súa intervención para explicar por que a producción historiográfica deixou de lado durante moito tempo os estudios que Zubillaga propón. Entre outras, Zubillaga resaltou que as análises sobre a comunidade galega centráronse durante moito tempo na estreita vinculación que tivo este grupo humano na consecución da independencia da nación, descoidando a dimensión cultural e a vida social e económica deste colectivo. "Cando estes temas comezaron a tomar relevancia", explicou o relator, "produciuse unha diminución do interese dos historiadores no período colonial polo que este ámbito de estudio a penas foi obxecto de traballos historiográficos profundos".