A SOLUCIÓN DOS CONFLICTOS PARA CONSTRUÍR UN 'MUNDO NOVO' CENTRAN O PRIMEIRO DÍA DO ENCONTRO SOBRE A PAZ

"Que ninguén que saiba falar siga calado". Con estas palabras, o presidente da Fundación Cultura de Paz e ex director xeral da UNESCO, Federico Mayor Zaragoza, puxo fin a súa intervención no I Encontro Internacional sobre Cultura de Paz, relatorio co que arrancaba este encontro organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Seminario Galego de Educación para a Paz e que reunirá ata o sábado a reputados expertos da cultura de paz.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A inauguración dos encontros tivo lugar esta mañá no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, a cargo do presidente da institución, Carlos Casares, quen destacou a necesidade de ter quen ensine a paz, o alcalde do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen fixo fincapé no violento século XX que deixamos atrás, ademais do secretario do Seminario Galego de Educación para a Paz, Manuel Dios, e o propio Mayor Zaragoza.

Desaprender a violencia
O ex presidente xeral da UNESCO centrou a súa conferencia na necesidade de comezar a construír "un mundo novo" sobre sólidos piares, "porque sobre un lameiro non se pode levantar nin sequera unha tenda de campaña". Tras facer un repaso polo proceso que deu lugar á creación da Organización das Nacións Unidas e á posterior Declaración Universal dos Dereitos Humanos, en 1948, Mayor Zaragoza fixo fincapé na necesidade de voltar a recuperar ese espírito, que ó longo dos anos foise perdendo a través de interminables debates.

"Estamos educados na lei do máis forte e na violencia e debemos desaprender esa violencia, cambiando as sinerxias cara á educación nos valores da paz", e engadiu, "a situación actual non se poderá cambiar ata que nos eduquemos e eduquemos na soberanía persoal, que permita ás persoas dicir non á contradicción entre a democracia nacional e a oligocracia internacional, non a 'nós os poderosos' e si a 'nós os pobos'".
Sobre a base do cambio da cultura da violencia pola da paz e para facer posible o desenvolvemento de cada persoa e cada pobo, o presidente da Fundación de Cultura de Paz espuxo finalmente a súa teoría dos novos contratos, un novo contrato social, medioambiental, cultural e ético, "que consigan manter a riqueza cultural e loite contra a uniformidade dun mundo que é un pero moi diverso".

A mañá de conferencias completouse co didáctico relatorio que ofreceu Johan Galtung, un dos máis reputados expertos na resolución de conflictos internacionais, ademais de profesor de estudios da paz en numerosas universidades. Galtung arrincou da teoría da violencia mencionada por Mayor Zaragoza, a violencia xera violencia, pero foi máis aló ó desenvolver toda unha epistemoloxía dos conflictos en tres actos, conflictos non transformados, polarización do mundo en bos e malos e violencia. A partir de aí, a teoría que Galtung pon en práctica na resolución dos conflictos internacionais nos que interveu e que ensina naqueles centros onde imparte docencia, basease na construcción e conservación da paz sobre a base da reconciliación, como único xeito de saír do círculo da violencia que xera o desexo de vinganza, desexo que aniña nas mentes e nos corazóns do homes que sofren a violencia.

¿Por que o 11-S?
O profesor Galtung aplicou este programa no caso específico do conflicto xerado tralos atentados do 11 de setembro, analizando os motivos polos que foron escollidos como obxectivos dos atentados World Trade Center e o Pentágono. Neste sentido, Galtung afirmou que posiblemente o terceiro avión que non chegou ó seu obxectivo, "estaría dirixido ó CIA, responsable de moitas das mortes ocasionadas nas numerosas intervencións militaristas estadounidenses", intervencións que , segundo Galtung, están na base do conflicto, xunto coas características específicas da cultura norteamericana. Tendo en conta todas estas premisas, este experto na resolución de conflictos expuxo as solucións que daría a tódolos conflictos que existen na actualidade, facendo un miúdo repaso deles ó longo de todo o mundo.

As conferencias do I Encontro Internacional sobre Cultura de Paz continuarán esta tarde e ata o sábado, reunindo a expertos en conflictos como o do Occidente co Islam, o terrorismo en España, ademais doutros profesores e educadores da paz.