NOTICIA

----

AS MEMORIAS DE RAMÓN PIÑEIRO, A DERRADEIRA OBRA DE CARLOS CASARES, PRESÉNTASE MAÑÁ NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

A autobiografía de Ramón Piñeiro ou, en palabras de Carlos Casares, o que se puido "salvar e compoñer" a partir de horas de conversas entre Casares e Piñeiro. Esto é "Da miña acordanza. Memorias de Ramón Piñeiro", o derradeiro traballo do que foi presidente do Consello da Cultura Galega e director de Galaxia, Carlos Casares, e que mañá se presenta oficialmente nun acto que terá lugar mañá, martes, 26 de novembro, ás 20h. na sede do Consello da Cultura Galega.

Aínda que as primeiras páxinas destas memorias foron escritas por Piñeiro, a maior parte do traballo é froito dunha inxente tarefa de compilación e edición literaria a cargo de Casares, amigo e discípulo do que fora o primeiro presidente do CCG, na que se recolle non só a figura e os momentos máis importantes na vida de Ramón Piñeiro senón que tamén constitúe unha fiel crónica dunha época crucial na historia contemporánea de Galicia.

Tres entidades en colaboración
Editada pola Fundación Caixa Galicia, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Editorial Galaxia, Da miña acordanza ven a encher o oco que existía en torno á figura de Ramón Piñeiro e o papel fundamental que desempeñou na vida cultural e política da Galicia da segunda metade do século XX.

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez, o presidente da Editorial Galaxia, Xaime Illa Couto e o director xeral desta entidade e membro do CCG, Víctor Freixanes, serán algunhas das personalidades que asistan ó acto de presentación desta obra.