Durante o desenvolvemento deste evento, o presidente do Consello da Cultura Galega ten previsto ofrecer unha conferencia baixo o título Significado dos 25 anos de Encrucillada, na que abordará o relevante papel desenvolvido na cultura galega por unha publicación deste tipo ó longo dun cuarto de século posto que Encrucillada leva publicándose de xeito ininterrompido desde o 19 de febreiro de 1977, cando saíu o primeiro número, e sempre en galego. Ó longo deste tempo, cambiou o seu lugar de edición e os seus colaboradores e membros do Consello Editorial pero permaneceu o seu espírito dun proxecto aberto e integrador para a Igrexa en Galicia a través de longos artigos de reflexión teolóxica e de pensamento.
Premios e epílogo musical
Francisco Carballo, Alfonso Zulueta, Victorino Pérez Prieto, Manolo Dourado Deira ademais do seu director ó longo de todo este tempo, Andrés Torre Queiruga, foron algúns dos seus ilustres colaboradores.
No encontro tamén se entregarán os premios Encrucillada de artigo e poesía, rematándose o encontro cun epílogo musical a cargo de Pablo López Campo e Xosé Manuel Campello Blanco, frauta e piano, respectivamente.