A Sección de Comunicación do CCG é a encargada de organizar este encontro dirixido a aqueles xornalistas que se enfrontan diariamente á necesidade de atopar novos xeitos de comunicar a cultura, tentando analizar e fornecer os lazos de mútua dependencia que xa unen á cultura cos medios de comunicación. Este achegamento cara ó tratamento da información cutlural farase desde unha triple óptica multidisciplinar representada por distintos persoeiros do mundo académico, profesionais dos medios e as propias fontes da información cultural.
A necesidade crecente de novos formatos, novos soportes e, sobre todo, novos xeitos de comunicar, de contar as distintas manifestacións culturais será outro dos ámbitos nos que se pretederá pescudar neste encontro que vén marcado pola necesidade cada vez máis urxente de adaptarse a unha sociedade cambiante.
Novas propostas
Os escritores e xornalistas, Carlos G. Reigosa, Manuel Rivas, Ramón Chao, así como as responsables de programas culturais como Metrópolis ou El Ojo Crítico, Alina Iraizoz e Paz Ramos, respectivamente, serán algúns dos participantes do encontro no que tamén se presentará o informe A cultura na prensa diaria galega elaborado por Montse Calvo e Xosé López, membro e coordinador, respectivamente, da Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega.
Esta xornada en torno á información cultural pecharase cun debate moderado por Víctor F. Freixanes co que se pretenden abordar distintas propostas para unha información especializada cultural de calidade. A mesa de debate contará coa participación de Juan Antonio García Galindo, Francisco Esteve e Javier Fernández del Moral.