Baixo a máxima de que o xornalista non debe resistir senón re -existir, o xornalista e escritor Manuel Rivas asegurou durante a súa intervención neste encontro que o futuro da información cultural pasa por "camiñar cara unha conciliación da cultura coa popularización, que non o populismo", establecendo como premisa a necesidade de elaborar unha información cultural de calidade, dirixida a unha grande cantidade de xente pero feita con respecto, isto é, que non por dirixirse á poboación en xeral debe deixarse de facer unha información en profundidade.
O autor de "O lapis do carpinteiro" insistiu na necesidade de superar o discurso do cinismo que impera hoxe no xornalismo actual, un cinismo que fai que o xornalista desprece o mundo e todo o que o rodea. "O xornalista debe ser prudente, realista, práctico e incluso escéptico pero non cínico", afirmou Rivas, quen centrou a súa intervención na evolución do xornalismo cultural, superando a ausencia de suplementos e páxinas culturais dos antigos xornais ata somerxernos "na voráxine dun xornalismo impaciente que considera as páxinas culturais como información pouco rendible".
Neste sentido, Manuel Rivas asegurou que o xornalismo cultural é o que mellor resiste o paso do tempo posto que é unha información que ten un valor engadido ó da mera mercadoría na que se converteu a información diaria. " O xornalismo cultural non está en crise", dixo Rivas, porque existen suplementos e páxinas culturais e isto xa é algo positivo, "pero debemos facerlle unha crítica", crítica que centrou no exceso de endogamia e de sobreentendementos que hai na información cultural, dirixida de modo habitual a uns poucos.
Os "males" do xornalismo cultural
O retrato da situación na que se atopa a elaboración da información hoxe completouse coa intervención do director de Publicación, Análise e Estilo da Axencia EFE, Carlos Reigosa, quen centrou a súa intervención na contaminación "lexítima" de intereses que sofre a información en xeral e, loxicamente, a información cultural. Reigosa fixo fincapé en que o feito de que a información se transformara en eixo da sociedade actual tivo como consecuencia que os xornalistas controlen cada vez menos a súa elaboración, "aínda que, aparentemente, sexa a información cultural a menos contaminada".
A diagnose de Reigosa respecto da situación da información cultural hoxe centrouse en tres puntos: os procesos de información cultural non sofren de ningún mal que non afecte ó resto da información xornalística, estes "males" son perfectamente coñecidos e comprensibles, posto que toda empresa está no seu dereito de tentar que a información que lle favoreza saia publicada e, en terceiro lugar, todos estes problemas non teñen unha solución tecnolóxica, ó contrario, "con Internet aumenta o caos informativo e a fragmentación", asegurou Carlos Reigosa, polo que, a labor dos xornalistas, segundo este relator, deber ser "seleccionar aquelas informacións que creemos que debemos facer porque tentarán facer por nós esa selección e de nós dependerá que nola deixemos facer ou non".
Novas propostas
Pola súa banda, os xornalistas Juan Pablo Silvestre, director do programa Mundo Babel de RN3, e Alina Iraizoz, directora de Metrópolis, así como o xornalista e coordinador de emisións en castelán e portugués para América Latina de Radio Francia Internacional (RFI), Ramón Chao, foron os encargados de tentar ofrecer algunhas ideas e propostas culturais novas para o século XXI.. Neste sentido, o director de Mundo Babel asegurou que hoxe por hoxe a cultura non se atopa no lugar que lle corresponde, "excepto casos moi concretos, as propostas de hoxe veñen de man de Endemol", asegurou Silvestre, pospostas moi illadas como é Metrópolis, un programa que a segunda canle de TVE emite desde hai 18 anos, caracterizado polo seu eclecticismo e, en palabras da súa directora, "por apostar polo silencio e por amosar máis que por dar opinións, queremos que sexa o público o que forme as súas propias opinións".