NOTICIA

----

A SITUACIÓN E TENDENCIAS ACTUAIS DO XORNALISMO GALEGO CENTRAN AS DÚAS NOVAS PUBLICACIÓNS DO CCG

Atender ós cambios que sofre o sector da comunicación en Galicia e ofrecer puntos de vista que contribúan a fomentar o debate e a reflexión en torno ás principais tendencias do xornalismo galego son algúns dos obxectivos nos que a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega segue a dar pasos a través de rigorosos traballos de análise constante. Os dous últimos traballos que afondan neste camiño presentáronse esta mañá nunha rolda de prensa ofrecida no Consello da Cultura Galega. Trátase do número 1 da Revista de Estudios de Comunicación, publicación de carácter anual, e o informe, "A comunicación en Galicia 20022, de carácter bianual.

Ambos son traballos de seguimentos "que non pretenden esgotar liñas de investigación senón ofrecer puntos de vista, que non son únicos, e cos que se pode abrir un debate que, ó fin, é o obxectivo da Sección de Comunicación", asegurou o coordinador de ambas publicacións e responsable da Sección de Comunicación do CCG, Xosé López. López fixo fincapé na importancia de facer este tipo de radiografías cada certo tempo, como un xeito de coñecer o funcionamento do sistema de comunicación galego e que permiten ver "os pasos que se dan para construír un espacio galego de comunicación".

Eleccións 21-O
No caso concreto da Revista de Estudios de Comunicación, este segundo número céntrase nas recentes eleccións autonómicas do 21-O, comicios que foron analizados no seu tratamento informativo na prensa, radio, Internet e televisión. A Revista complétase co outros artigos de xornalistas e membros da sección de Comunicación. Do mesmo xeito, outro cadro de expertos e académicos ocupan as páxinas da "Comunicación en Galicia 2002". As liñas xerais que definen a evolución da radio, a prensa, o cine, os medios de comunicación electrónicos, as condicións laborais dos xornalistas, as estratexias de mercadotecnia ou a dirección artística son algunhas das análises que ofrecen algúns dos asinantes do informe como son Domingo Docampo, Francisco Campos, Miguel Anxo Fernández ou Margarita Ledo, entre outros.

A Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega leva desde 1993 elaborando este tipo de traballos, o primeiro dos cales estivo coordinado por Manuel Rivas e Xosé López. A partir de entón a Sección considerou necesario elaborar estes seguimentos como medio de analizar periodicamente a evolución do sector, contribuíndo a un mellor coñecemento dos medios de comunicación en Galicia.

Máis información:
A Revista de Estudios de Comunicación, nº 1 pódese descargar en formato PDF desde a web oficial do Consello da Cultura Galega.