NOTICIA

----

A EXPOSICIÓN "A NOITE ESTÁ VARRIDA DA TERRA", PREMIADA POLA REAL SOCIEDADE ESPAÑOLA DE FÍSICA

O Consello da Cultura Galega recibiu o premio ó mellor traballo de divulgación científica da Real Sociedad Española de Física pola mostra "A noite está varrida da terra". Esta mostra foi realizada pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade, que coordina Francisco Díaz-Fierros e estivo exposta na Igrexa da Universidade de Santiago ata o 30 de xuño do 2000.

O premio enmárcase dentro do programa "Física en Acción" e foi promovido pola Real Sociedade Española de Física en colaboración co Laboratorio Europeo de Partículas (CERN), A Axencia Espacial Europea (ESA) e o Observatorio Europeo Austral (ESO) e foi fallado na Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia. Esta é a súa segunda convocatoria.

O obxectivo da convocatoria é, segundo os organizadores, "facer fincapé nun problema moi estendido como é a perda da cultura científica. Por iso, preténdese buscar solucións innovadoras que fagan a ciencia atractiva e educativa".

O Consello da Cultura Galega gañou na modalidade de "traballo divulgativo". Na fase final competiron institucións coma o Ministerio de Cultura ou a Universidade de Jaén. É de subliñar que o espacio adicado á física nas Tardes da Radio Galega tamén tivo unha mención de honra nesta convocatoria.

150 anos da luz en Galicia
A exposición A noite está varrida da terra recrea os primeiros pasos da luz eléctrica no noso país. De como esta saíu dos laboratorios da Universidade de Santiago -onde por primeira vez fora xenerada en Galicia polo doutor Casares- e se estendeu a tódalas esferas de vida cotiá. Pensada para un público novo e escolar, a mostra ofrecía numeroso material didáctico e permitía que os rapaces experimentaran de primeira man cos primeiros aparellos eléctricos que chegaron a Galicia.