NOTICIA

----

O CCG ACOLLE A PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS DE DINAMIZACIÓN NA COMARCA DE TERRA DE TRIVES

Con motivo da presentación das actas do I Congreso Manuel Luís Acuña, a sede do Consello da Cultura Galega acolle un completo programa de actividades enmarcadas no desenvolvemento cultural da comarca de Terra de Trives e que terán lugar na tarde de mañá mércores, 12 de decembro. O acto central deste programa será a presentación do volume no que se recollen as actas do I Congreso Manuel Luís Acuña, celebrado o pasado ano na comarca de Terra de Trives. O secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal de Galicia, Andrés Precedo Ledo, e o secretario do Consello da Cultura Galega, Hernique Monteagudo, serán os encargados de levar adiante a presentación destas actas, previsto para as 19,00h. de mañá no Salón de Actos da institución.

O desenvolvemento comarcal, a dinamización sociolingüística e o proxecto Manuel Luís Acuña en Terra de Trives, serán os eixes en torno ós que se desenvolverá a intervención do secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal de Galicia. Precedo Ledo estará acompañado polo subdirector xeral de Promoción do Ensino da Lingua Galega, Xose Antón Pombo Mosquera, que falará do Plan de traballo da Dirección Xeral de Política Lingüística, mentres que Xoán Carlos Domínguez Alberte, responsable do Programa de Dinamización Sociolingüística das Comarcas de Galicia, e Ramón Nicolás Rodríguez, profesor de Lingua e Literatura Galega, serán os encargados de centrar o programa de intervencións no proxecto Manuel Luís Acuña e a súa materialización a través do congreso celebrado na comarca de Terra de Trives no 2000 e o simposio, que tivo lugar o 30 de novembro pasado.

Traballo dinamizador das comarcas
Pola súa parte, o secretario do Consello da Cultura Galega, Hernique Monteagudo, intervirá para facer referencia á labor de dinamización idiomática e cultural que desenvolve o Consello da Cultura Galega mediante o Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística (APNL), do que é director.

Os actos, nos que tamén está previsto que participen representantes da comarca de Terra de Trives, onde se desenvolveron tanto o Congreso do que agora se publican as actas como o I Simposio Manuel Luísa Acuña, rematarán cunha degustación dos productos típicos desa comarca.