NOTICIA

----

O CCG ACOLLE A PRESENTACIÓN DUNHA ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA DOS INTERESES DO TEATRO AFECCIONADO GALEGO

A formación de intérpretes e o intercambio de experiencias entre os grupos de teatro afeccionado que existan a nivel nacional ou internacional, son as premisas fundamentais coas que nace a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), unha asociación constituída desde o mes de setembro pasado e que agora fai a súa presentación oficial nun acto que terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega mañá, sábado 15 de decembro, a partir das 10 h.

Durante esta xornada de presentación, que estará a cargo do presidente da Confederación Estatal de Teatro Afeccionado (CETA), José Luis Prieto Ruiz, terá lugar unha rolda de prensa na que se informará da data na que terá lugar a primeira asemblea xeral, en principio prevista para o primeiro trimestre do vindeiro ano. Do mesmo xeito, daranse a coñecer os requisitos que son necesarios para entrar a formar parte da FEGATEA, como son o feito de ser unha asociación legalmente constituída, non ter ánimo lucrativo e facer efectiva as cotas.

A xornada de presentación completarase cunha conferencia a cargo de Manuel Vieites coa que se pretende establecer a situación real na que se atopa o teatro afeccionado en Galicia.

Sen ánimo de lucro
Para facer realidade esta iniciativa comezouse a traballar desde novembro de 1999, traballando cara á creación dunha entidade privada, cultural, sen ánimo de lucro e con capacidade para interrelacionar os grupos de teatro afeccionado, intercambiando experiencias e promovendo o debate colectivo, tal e como a define nos seus estatutos.

Do mesmo xeito, entre as propostas coas que xurde esta Federación, tamén se atopa a idea de crear unha revista representativa da federación, acadar descontos para a compra dos materiais necesiarios para as representacións e a consecución dun seguro de responsabilidade civil que garanta un respaldo ó traballo daqueles que se dedican ó teatro afeccionado.

Nestes momentos, a FEGATEA está composta por sete grupos de teatro afeccionado procedentes de Santiago, A Coruña, Lugo e Pontevedra: Metátese, Ditea, O Trasno, Novo Teatro, Aurín, Atrezzo, o Grupo da Asociación de Mulleres de Moaña e Escoitade.