NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA RECOLLE NUN LIBRO AS VIÑETAS DE CASTELAO PUBLICADAS NO FARO DE VIGO

A presentación do libro Cousas da vida no Faro de Vigo (1926-1933) por Castelao, publicación do Consello da Cultura Galega na que se recollen as colaboracións humorísticas do escritor no Faro de Vigo entre 1926 e 1933, terá lugar na xornada de mañá, mércores 20 de xuño, ás 12.00h. na sede da Fundación Penzol, en Vigo, nun acto ó que asistirán o presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares Mouriño, o secretario desta institución, Henrique Monteagudo, o director xeral do Faro de Vigo, Pedro Pablo Alonso, así como Alfonso Zulueta de Haz, en representación da Fundación Penzol e o responsable da edición do libro, Clodio González Pérez.

Trátase dunha publicación na que se recollen as 350 pezas que compoñen a totalidade da colección que baixo o nome de Cousas da Vida, publicou Castelao no Faro de Vigo entre 1926 e 1933, ordenadas de xeito cronolóxico e indicando a data da súa publicación.

Na edición, que estivo a cargo de Clodio González Pérez, membro da Sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega e un dos mellores coñecedores do grafismo castelaiano, colaboraron tamén numerosas persoas e institucións, como a Fundación Castelao, a Editorial Galaxia, o Faro de Vigo, Museo de Pontevedra ou a Biblioteca Público Provincial de Pontevedra.

Documentación e divulgación
En Cousas da vida no Faro de Vigo (1926-1933) por Castelao recóllese un dos traballos gráficos menos coñecidos do ilustre escritor, o que levou adiante no Faro de Vigo, e que ata agora tivo moita menos sona que os traballos humorísticos noutros xornais como o Galicia, o satírico rianxeiro El Barbero Municipal ou no diario madrileño El Sol.

Con esta publicación, o Consello da Cultura Galega pretende completar a documentación e divulgación do período máis prolífico na obra de Castelao no eido do humorismo gráfico.