NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PREPARA A EDICIÓN COMPLETA DA OBRA DO PADRE SARMIENTO

O Consello da Cultura Galega afronta o proxecto da edición da obra completa do Padre Sarmiento. O obxectivo é dixitalizar e recuperar as máis de 20.000 páxinas que se conservan do autor en arquivos de Andalucía e Madrid, transcribíndoas e realizando unha edición crítica. O Museo de Pontevedra tamén conta con tres tomos orixinais da súa obra. Ata o momento, só está publicada unha quinta parte de toda a obra do homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2002. Nas previsións actuais, o proxecto terá unha duración de cinco anos, e os tomos iranse publicando a un ritmo de catro por ano.

O Consello da Cultura Galega constituirá para o proxecto un equipo interdisciplinar moi amplo. A obra de Sarmiento abrangueu boa parte dos campos de coñecemento do momento, dende a filoloxía ata a xeometría ou xeoloxía. As diferentes comisións de traballo analizarán a obra do Padre Sarmiento dende o punto de vista da Filoloxía, a Historia e a Bibliografía, a Pedagoxía e Educación, as Belas Artes, a Xeografía, a Historia da Ciencia, Botánica, Zooloxía, Medicina e Farmacia. O obxectivo do Consello da Cultura Galega para este esforzo é recuperar para a memoria do país a un dos primeiros valedores da súa lingua e cultura, que desenvolveu a súa actividade un século antes do inicio histórico do Rexurdimento cultural de Galicia.

A complexidade da recuperación da obra de Sarmiento estriba en que a penas se conservan manuscritos do autor, senón copias a partir de orixinais perdidos. Ademais, os materiais son moi variados: dende cartas, informes técnicos, cadernos de viaxe, catálogos ata apuntamentos de distinto tipo.

O Consello Científico do proxecto contará con destacados especialistas como Carlos Casares, Henrique Monteagudo, Francisco Díaz-Fierros, Manuel Díaz y Díaz, Eduardo Pardo de Guevara ou Xosé Ramón Barreiro.

Homenaxes no ano de Sarmiento
Co gallo do Día das Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega realizará, ademais, un Congreso adicado á súa figura e amosará en Villafranca do Bierzo a exposición "Sarmiento", que realizou o Consello da Cultura Galega en 1995. Ademais, realizarase unha publicación facsímile dalgunha das obras en galego do frade.

O Padre Sarmiento (Vilafranca do Bierzo, 1695- Madrid, 1772) é un dos máximos representantes da ilustración galega e española. Abordou un gran número de campos de saber, que van dende a lingüística á Xeoloxía, pasando pola Botánica ou Arqueoloxía. Foi o precursor da filoloxía galega, e o primeiro en realizar estudios sobre a nosa lingua e a tradición oral popular. As súas crónicas de viaxes da Galicia do momento son tamén importantes textos para coñecer a vida na Galicia do século XVIII. Estes méritos fixérono merecente de ser homenaxeado co Día das Letras Galegas no ano 2002.