NOTICIA

----

O POLÍTICO E ESCRITOR ALFREDO VICENTI, OBXECTO DUNHA HOMENAXE NO 150 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

Cando se cumpren os 150 anos do nacemento de Alfredo Vicenti, o Consello da Cultura Galega colabora co Taller de Edicións de J.A Durán (Ed.) na Semana de Homenaxe a Alfredo Vicenti, que terá lugar entre o luns, 26 de novembro e o sábado, 1 de decembro. A sede do CCG en Santiago, así como a Deputación Provincial de Pontevedra, a Asociación da Prensa de Madrid e o Congreso dos Deputados, acollerán diferentes roldas de prensa co obxecto de presentar esta homenaxe ó insigne político, escritor e xornalista compostelán, atendendo especificamente ós actos que terán lugar en Madrid e Galicia.

En concreto, o Consello da Cultura Galega ofrecerá esta rolda de prensa mañá, venres día 23 de novembro, ás 12 h., e nela participarán o secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, e o responsable da Sección de Comunicación e decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, Xosé López. Eles serán os encargados de presentar esta Semana de Homenaxe a Alfredo Vicenti, centrándose nos actos que se desenvolverán en Santiago o mércores e o xoves.

Neste sentido, a Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá o mércores, 28 a conferencia a cargo do historiador José Antonio Durán baixo o título Periodismo e autonomismo galeguista, de raíz federal, mentres que o xoves terá lugar a presentación da versión en galego do audiovisual Da arte de vivir, unha producción patrocinada polo CCG que será proxectada na sede da institución no marco dun acto de homenaxe institucional á figura de Vicenti.

Lembranza a unha figura complexa
Alfredo Vicenti, político, escritor e xornalista compostelán, nado en 1850 foi redactor xefe e director do Diario de Santiago, publicación que abandonaría en 1880 para incorporarse ó xornalismo madrileño xa ata a súa morte en 1916. Alí desenvolvería a súa vocación nas cabeceiras El Globo, do que foi director nos seus mellores anos, e El Liberal, que dirixiría desde 1907 e ata a súa morte.
Durante eses últimos anos, Vicenti compaxinaría o cargo de director coa vicepresidencia da Asociación de Prensa de Madrid, entidade que estaba dando os seus primeiros pasos.

Vicenti, home da esquerda burguesa que acabaría derivado cara ó agrarismo, mantivo sempre a súa relación con Galicia, a que volvía cada verán a pesares de traballar en Madrid. Desde El Liberal, un dos diarios de maior tirada naqueles momentos, este xornalista abriría na capital unha ventá ás cuestións galegas, especialmente ó agrarismo, movemento ó que chegaría a estar profundamente vencellado, sendo un dos principais inspiradores e líderes de Acción Galega, xunto con Basilio Álvarez e Portela Valladares.

Preto de Galicia
Como escritor, Alfredo Vicenti comezou a redactar en Santiago A orillas del Ulla ós 25 anos, textos que comenzarían a publicarse ese mesmo ano no xornal ourensán que dirixía Lamas Carvajal, El Heraldo Gallego. Segundo o historiador José Antonio Durán, trátas dunha obra con grande penetración etnolóxica e sociolóxica que ofrece claves fundamentais para comprender a cotidianeidade galega do século XIX. A partir de aí a obra de Vicenti proseguiría con La provincia de Pontevedra, Las dos aceras del estrecho de Gibraltar, Los Rothschild antes de Jesucrito, e moitas outras obras.