NOTICIA

----

CASARES: "TEMOS QUE RECUPERAR A MEMORIA DOS EXILIADOS GALEGOS E OFRECERLLES UNHA HOMENAXE"

Máis de 130 participantes e 77 relatores participan no I Congreso Internacional do "O exilio galego", que hoxe pola mañá celebrou a súa primeira xornada, baixo a organización do Consello da Cultura Galega. Un congreso que, segundo asegurou o presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, no transcurso do acto de inauguración do congreso, "foi concibido en principio coma unha homenaxe a Castelao, o primeiro gran exiliado" pero que, pouco a pouco foi abríndose "a moitas outras exiliados menos coñecidos". Neste sentido, Casares quixo destacar que este evento, que se desenvolve en Santiago desde hoxe e ata o vindeiro sábado, ten coma obxectivos afondar no fenómeno do exilio pero tamén "facer unha sentida homenaxe a tódolos galegos que tiveron que sufrir esta desgracia histórica".

O presidente do CCG destacou que, desde a institución que preside, coidaba chegado o momento que recuperar a memoria destes exiliados xa que "durante o franquismo e incluso na democracia, os traballos e a vida destas persoas foron intencionadamente ocultadas e esquecidas".

Perspectiva globalizada
A xornada de inauguración tamén contou coa participación da coordinadora do congreso e directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao Vila, quen asegurou que este congreso, nacido tras un longo ano de traballo, "trata por vez primeira do fenómeno do exilio galego desde unha perspectiva globalizada". De aí, asegurou a profesora Cagiao, a necesidade de elaborar un completo programa no que se abordarán aspectos coma a historia, a política, a literatura ou as artes plásticas no exilio, "aínda que terá que ser dun modo case que maratoniano", afirmou.

España, "de coroas e sotanas"
O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Barreiro Fernández, foi o encargado de abri-la sesión de relatorios da mañá e o fixo co único relatorio que non aborda o fenómeno do exilio galego do 36. Baixo o título de "Os precedentes históricos. O exilio político galego no século XIX (1814-1880)", o profesor Barreiro falou do exilio non forzado daqueles que abandonaron nese período unha España "de coroas e sotanas", tal e como a cualificou o profesor.

Un exilio, asegurou Barreiro, "cuantitativamente menos importante que o do 36 pero moito máis dramático" porque abandonaron Galicia os intelectuais e políticos máis destacados, deixando atrás unha España "totalmente desnatada". O profesor Barreiro fixo un miúdo repaso por aqueles fuxidos, principalmente afrancesados, liberais e, no último tercio do século XIX, aqueles ós que o relator cualificou de "exiliados da utopía", xa que marcharon trala caída da I República. "Ninguén os obriga a marchar pero o fan desencantados, foxen cara á América, onde fundarán as bases da cultura galega no exterior", concluíu o profesor Barreiro.

O concepto "exiliado"
Pola súa parte, o coordinador dos relatorios desta primeira xornada e tamén ponente, o historiador, Xosé Manuel Núñez Seixas, centrou a súa intervención nun debate conceptual en torno ó termo 'exiliado', incidindo na necesidade de deslindar aqueles que son exiliados daqueles outros grupos como os dos prófugos, emigrados ou refuxiados. Neste sentido, Núñez Seixas afondou nos criterios que se tomaron elaborar o diccionario biobibliográfica do exilio galego que vai ser presentado ó final do congreso baixo o nome de "O exilio galego. Un repertorio biobibliográfico:unha primeira achega".

Os relatorios continuarán esta tarde coa participación de Enrique Líster, Rosario Alonso ou Víctor Santidrián, nunha xornada que se completará cunha mesa redonda, ás 19 h., e a proxección do filme no CGAC, Castelao, de Jorge Prelorán (Arxentina, 1976), ás 22 h., presentado por Margarita Ledo.