NOTICIA

----

OS RECURSOS PARA O ENSINO DO GALEGO CENTRAN A PRIMEIRA XORNADA DOS ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A quinta edición dos Encontros para a Normalización Lingüística inaugúrase mañá coa presencia do director xeral de Política Lingüística, Xesús P. González Moreiras, o director da Escola Galega de Administración Pública, Domingo Bello Janeiro, o presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, e o director do Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística, Henrique Monteagudo.

Este último, que tamén é secretario do Consello da Cutura Galega, será o encargado de presentar o primeiro relatorio da xornada, no que abordará as liñas xerais do Informe de Política Lingüística e Normalización en Galicia, un proxecto da sección de Lingua desta entidade no que se analiza o proceso normalizador no ensino, na economía ou nas empresas culturais, e do que se irán expoñendo as súas conclusións nos diversos relatorios da mañá.

Na sesión de tarde, Xesús Costas Abreu e Xaime Subiela analizarán os obxectivos e resultados da Lei de normalización lingüística, 17 anos despois da súa publicación.

Apoio das editoriais
Os Encontros para a Normalización Lingüística están organizados polo Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística e contan co apoio das editoriais galegas máis recoñecidas, como A Nosa Terra, Sotelo Blanco, Ir Indo, Galaxia e Xerais.

O citado Arquivo, tamén denominado Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, ten por labor recompilar información sobre o galego e outras linguas minorizadas, poñendo a disposición de investigadores e lingüistas unha ampla rede de contactos e materiais doutras entidades e institución relacionadas coa difusión e promoción dos idiomas menos extendidos.