NOTICIA

----

OS EXPERTOS ABREN NOVAS PERSPECTIVAS DE ANÁLISE DA TRAXECTORIA DOS EXILIADOS

A reconstrucción desde o exilio dunha literatura nacional, o título do relatorio do profesor González Millán e que foi lido por Dolores Vilavedra, estableceu as características do discurso do exilio: "por unha clara conciencia nacional, a necesidade de volver á terra natal e a difícil experiencia de ter que abandonar á forza un lugar". Segundo González Millán, son estas as claves que os investigadores deben ter en conta á hora de realizar estudios sobre exilio.

Mocidade e veteranía déronse a man na segunda xornada do I Congreso Internacional "O Exilio Galego", que se celebra ata o sábado en Santiago baixo a organización do Consello da Cultura Galega. Historiadores menores de 30 anos atoparon un oco neste congreso para presentar comunicacións coas que pretenden abrir novas perspectivas de estudio do exilio.

A difícil situación pola que tivo que pasar Luís Seoane no seu periplo de exiliado fixo da figura deste escritor coruñés un caso moi interesante de estudio que foi mencionado non só no relatorio do profesor González Millán, como exemplo da renovación das formas culturais, senón tamén nas intervencións de Alonso Montero e de Gregorio Ferreiro Fente, que destacaron o seu traballo de reedición dos clásicos da literatura clásica galega.

Pero, ó lado de persoeiros como Luís Seoane, Otero Espasandín ou Gerardo Díaz, que centraron varios relatorios na xornada da mañá, a Guerra Civil española e o exilio afectaron ás vidas de outras persoas pouco coñecidas pero cunhas historias de vida que permiten ós historiadores analizar un tipo de emigración concreta ou a un colectivo escasamente estudiado.

É o caso de exiliados como o lugués José Almoina, que tralo alzamento militar en España, chegaría a ocupar o posto de secretario persoal do dictador Trujillo na República Dominicana. Co tempo, chegaría a escribir unha obra en contra de Trujillo, libro que lle custou a vida. Este caso foi obxecto dunha comunicación na sesión da mañá a cargo de Afonso Pena Barreiro, que chegou a coñece-lo caso gracias a súa estadía na República Dominicana como investigador.

Pero como este hai moitos outros, que dan exemplo das dificultades polas que atravesan os investigadores para definir ós exiliados e ós diferentes tipos de exilio e, en definitiva, para explicar e entender un fenómeno tan complexo e que afectou a tantas persoas.

O congreso continuará esta tarde dedicando á sesión á análise do xornalismo, a comunicación e á producción audiovisual que produciu o exilio galego. Ademais dun coloquio e dunha mesa redonda, está prevista a proxección dunha serie de documentais da emigración e do exilio en Arxentina, obra de Elixio González.