----

Mª LUISA SOBRINO: "A XUNTA DEBE TENTAR SALVAR A OBRA DOS ARTISTAS GALEGOS NO EXILIO"

No marco da visión globalizada que os organizadores do I Congreso Internacional "O Exilio Galego" quixeron imprimir desde o comezo a este evento, encádrase esta terceira xornada, dedicada ó impacto que a Guerra Civil e o exilio causou noutras manifestacións artísticas como a arquitectura, as artes plásticas, o cine ou o teatro. Aínda que moitos menos coñecidos que escritores, políticos ou intelectuais fuxidos, arquitectos como Caridad Mateo, pintoras como Maruja Mallo ou fotógrafos coma Xosé Suárez tamén terían que marchar de Galicia.

"O exilio cambiaría as traxectorias vitais e artísticas de moitos deles", asegurou a catedrática de Historia da Arte, Mª Luísa Sobrino, quen fixo un chamamento ó goberno galego para que poña os medios necesarios "para salvar a obra que os artísticas galegos deixaron alá, moita da cal corre grave perigo de desaparecer".

Durante a súa intervención, a profesora Sobrino fixo unha reflexión crítica da impacto que a Guerra Civil e o franquismo causou nas artes en Galicia, poñendo fin ó "florecemento das artes plásticas que vivía Galicia na década dos 30". Os artistas galegos, principiantes e outros xa en plena creación, marcharon fundamentalmente a Arxentina, "onde establecerían os seus núcleos de creación, enriquecéndose co contacto da intelectualidade de Bos Aires e transformando a cidade na capital das artes", asegurou a relatora.

Arquitectura comprometida
México tamén foi país receptor de artistas exiliados como o arquitecto Xosé Caridad Mateo, un home que fuxiu das represalias do exército franquista para seguir desenvolvendo a súa obra lonxe da súa terra natal. Caridad Mateo centrou a intervención do arquitecto Iago Seara, quen o definiu coma "un home comprometido, humanista e intelectual solidario, que entendeu a arquitectura como instrumento ó servicio das vontades e dos pensamentos".

Pola súa parte, Rafael Baltar Tojo, membro da Academia de Ciencias e do Consello da Cultura Galega, optou por render unha homenaxe á figura do arquitecto Eladio Dieste, fillo e neto de intelectuais galegos, "uruguaio de nacemento pero de sangue galega", afirmou Baltar Tojo, quen incidiu en que este arquitecto racionalista caracterizouse por "empregar conceptos moi sinxelos, próximos ó minimalismo, que o achegaban ó credo de Mies Van de Rohe: 'o menos é máis'".

A música e o teatro centrarán a sesión da tarde do congreso, que completará a xornada coa lectura escénica da peza O Cantar dos Cantares, de Eduardo Blanco Amor, baixo a dirección de Xulio Lago.