----

STRUBELL DENUNCIA A DISCRIMINACIÓN LINGÜÍSTICA DA UNIÓN EUROPEA, ONDE HAI "LINGUAS DE PRIMEIRA E DE SEGUNDA"

"A inversión da Unión Europea no galego é cero". Así de conduntente se amosaba Miquel Strubell durante a conferencia que impartiu esta mañá na sede do Consello da Cultura Galega no marco dos V Encontros para a Normalización, organizados polo Arquivo de Planificación Normalización Lingüística, que hoxe se clausuran.

Miquel Strubell, asesor do Consello de Europa e director do programa de Humanidades da Universitat Oberta de Catalunya, entre outros cargos, asegurou que "Europa debe ter unha postura clara fronte ás linguas minoritarias, apoiando a diversidade lingüística e cultural", un apoio que debe materializarse en resolucións dirixidas a dar un apoio real ás linguas non oficiais. O proxecto 2001 Ano Europeo das Linguas foi claro intento de camiñar nesta dirección, pero aínda queda moito "porque non hai subvencións para ensinar o galego ou o catalán pero si para o inglés, algo que non ten moito sentido porque é unha lingua xa moi extendida e o normal é que se axudara a aquelas linguas que teñen un mercado pequeno e poucos recursos", asegurou durante a primeira conferencia da mañá.

Atender a outras comunidades lingüísticas
O profesor Strubell insistiu na necesidade de establecer unha política lingüística común na Unión Europea porque é necesario para o propio funcionamento interno da institución pero tamén porque "se precisan atender as necesidades da migración interna da Unión, responder ás demandas das comunidades lingüísticas minorizadas, como os cataláns e os galegos, e fomentar que os cidadáns europeos aprendan outras linguas europeas".

Só a través destes esforzos, poderíase poñer fin a situación actual na Unión Europea "na que existen linguas de primeira e de segunda", asegurou este relator, quen fixo fincapé no feito de que, se ben existen once linguas oficiais, maioritariamente empréganse dúas como linguas de traballo, inglés e francés, discriminando a moitas outras comunidades lingüísticas que teñen un importante número de falantes e institucións que as ensinan pero que non atopan espacio na Unión Europea, "que prefire subvencionar programas de ensino de luxemburgués ou islandés pero non galego ou catalán".

Miquel Strubell completou a súa intervención cun miúdo repaso polo regulamento en materia lingüística da Unión Europea, desde a súa creación a través do Tratado de Roma ata o momento actual, no que está a punto de ser publicado un informe por encargo do Parlamento Europeo sobre as minorías lingüísticas dos seis Estados que están negociando o seu ingreso na Unión Europea, e que debería traer consigo unha "maior sensibilidade das maiorías lingüísticas cara ás comunidades que falan linguas rexionais¨.

Cambio de actividades
A xornada da mañá rematou coa participación de membros dos gabinetes de normalización lingüística das catro deputacións provinciais. Segundo puxeron de manifesto, os servicios lingüísticos da Deputacións creáronse na década dos 90, aínda que xa nos 80 houbo as primeiras iniciativas para traducir textos. A partir de entón fóronse creando gabinetes de traducción compostos por catro ou cinco persoas, entre lingüístas e auxiliares administrativos. A súa primeira función foi a traducción de tódolos documentos xerados polos departamentos das deputacións e das súas publicacións.

Sen embargo, a medida que os propios funcionarios comezaron a escribir en galego, as tarefas destes gabinetes foron pasando da traducción á corrección de textos, desenvolvendo "unha actividade dinamizadora", que incluía a organización de cursos de galego para o persoal da deputación, publicacións ou xornadas.