NOTICIA

----

MANUEL PORTAS ASEGURA QUE O GALEGO SE CONSOLIDA ENTRE OS HOSTALEIROS COMPOSTELÁNS

O concelleiro de Normalización Lingüística de Santiago sinalou no primeiro relatorio desta tarde a necesidade dun compromiso por parte de toda a cidadadanía compostelá para que o Consello Municipal de Normalización Lingüística acade unha efectiva difusión da lingua en tódolos niveis sociais e empresariais.

A primeira medida que se tomou dende o departamento de Normalización de Santiago foi un estudio da empresa Cidadanía, no que se examina a situación da lingua en sectores concretos como a mocidade, a administración municipal, o ámbito empresarial e a cultura. A creación do citado Consello, a comezos de ano, obedeceu á intención de celebrar reunións entre os actores sociais que pertencen a estes sectores, para deseñar entre todos actividades de dinamización e que, en palabras da técnica de normalización, Socorro García, posibilitan a maior implicación da poboación santiaguesa a favor da lingua e que xa se reflexa no incremento do galego no sector hostaleiro.

Na mesa de traballo sobre a relación entre a lingua e as novas tecnoloxías, sinalouse o labor da Comisión Técnica de Linguaxes de Especialidade, creada no seo do Consello da Cultura, e que ten como obxectivo dotar á lingua dun carácter científico, obxectivo que tamén pretende o Observatorio de Neoloxía, que desde 1999 rexistra e analiza os neoloxismos que se empregan na prensa galega. Por outra banda, o traductor automático Es-Ga, un proxecto iniciado en 1998, permite a conservación dos xiros lingüísticos do noso idioma ó traducir textos españois ó galego.

Máis investimentos da UE na aprendizaxe do galego
A última xornada dos Encontros serviu para reflexionar sobre a política europea, da que Miquel Strubell sinalou claras deficiencias á hora de apoia-la difusión e aprendizaxe daquelas linguas non oficiais na UE, entre as que se encontra o galego. Strubell sinalou que, malia estar aínda no Ano Europeo das Linguas, paradoxicamente "a inversión da Unión Europea no galego é cero", posto que se subvencionan cursos e actividades para idiomas que xa están asentados coma o inglés ou o alemán. Se embargo, Strubell, redactor dun informe que está a punto de ser publicado sobre as minorías lingüísticas dos seis Estados que están negociando o seu ingreso na Unión Europea, confía en que esta apertura traia consigo unha "maior sensibilidade das maiorías lingüísticas cara ás comunidades que falan linguas rexionais¨.

En canto ó labor dos servicios lingüísticos das deputacións, os catro representantes incidiron na progresiva capacitación do persoal para escribir en galego, aínda que segue a ser precisa "unha maior dinamización" que contemple a organización de máis cursos e congresos sobre lingua.

A quinta edición dos Encontros será clausurada esta tarde polo secretario do CCG, Henrique Monteagudo, o presidente da CTNL, Valentín García, e o presidente da Egap, Domingo Bello Janeiro.