NOTICIA

----

O CONGRESO DO EXILIO GALEGO RECUPERA A MEMORIA ESQUECIDA DAS MULLERES EXILIADAS

As precarias condicións que miles de galegos que fuxían da Guerra Civil e da represión franquista pola fronteira pirenaica atoparon nos campos de concentración franceses, "onde só tiñan os areais, as aramados e o mar en fronte", impresionaron a todos aqueles que se achegaron esta mañá ó relatorio que ofreceu Rosa López no Congreso do "Exilio Galego".

A accidentada fuxida, que superou tódalas estimacións por parte das autoridades francesas, provocando unha situación que foi definida pola prensa de época como "de fame, frío e miseria para os refuxiados", concluiría para moitos cunha nova fuxida cara países de acollida. Sen embargo, asegurou Rosa López, "moitos exiliados republicanos acabarían cos seus ósos nos campos de concentración nazis, onde máis de cen galegos morrerían".

Pero as historias que cobraron máis protagonismo na xornada da mañá foron as das mulleres, mulleres exiliadas como a viúva de Luís Seoane, Elvira Fernández, ou mulleres que sufriron nos campos de concentración, como Mercedes Núñez Targa, escritora catalana de pais galegos, quen foi obxecto dunha sentida homenaxe por parte de Antía Cal, amiga e confidente de Mercedes Núñez e que acudiu acompañada da viúva de Paco Comesaña, Choncha.

Historias pero, sobre todo, memorias de mulleres como a rescatada pola profesora da Universidade de Maine, Kathleen March, quen fixo un miúdo análise do manuscrito de Mª dos Anxos Tobío Fernández, escrito ó redor dos anos 80. A relatora asegurou que este manuscrito, que nunca foi concibido como obra para a súa publicación, "ten un indubidable valor histórico e incluso literario xa que reflicte, a través da súa experiencia persoal, un contexto histórico concreto".

As memorias desta muller, "Anacos da vida dunha muller galega: silencio e historia", é un manuscrito de 190 follas que constitúe, quizais, "o único documento coñecido deste xénero feito por unha muller e retratando a situación de preguerra, Guerra Civil e exilio en España", asegurou Kathleen March. Esta profesora, creadora da Asociación Internacional de Estudios Galegos, incidiu na súa intervención no feito de que as memorias estean escritas en galego, feito que ten un valor especial "se temos en conta que ela foi educada en castelán e no seu traballo como bibliotecaria nunca empregaba o galego". March tamén resaltou que se trata "da testemuña dunha muller, galega e republicana, e que foi tan comprometida como o segue sendo hoxe".

Represión no ensino
As sesións da mañá tamén prestaron atención á situación vivida polos profesores que, se ben durante a República melloraran a súa situación salarial e material, sufriron duramente a represión franquista. Segundo o catedrático Antón Costa Rico, "a partir do 36 ponse en marcha a gran máquina represora", unha situación que culmina coa suspensión de emprego de máis de 6.000 profesores e co asasinato de, polo menos, 50 profesores, que foron fusilados ou paseados, "aínda que a lista non está pechada e continuará crecendo segundo se vaia afondando no estudio".

A análise do impacto que o exilio tivo no desenvolvemento da ciencia en Galicia, da man do coordinador de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, xunto con Manuel Bermejo e Ricardo Gurriarán, completou a xornada.