NOTICIA

----

ZUBILLAGA AFIRMA QUE OS EXILIADOS FIXERON DE MONTEVIDEO A CAPITAL DA GALICIA LIBRE

Arxentina, Chile, México, Porto Rico, Estados Unidos e Europa foron os principais países de acollida para os exiliados galegos, na maioría das casos acabaron converténdose na segunda patria para os que fuxiron da guerra e da represión franquista. Exiliados e emigrantes chegaron a conformar amplas comunidades galegas que prolongaron, máis aló da terra natal, costumes e a fala. "Estas comunidades galegas, moitas das cales xa existían ante do 36, transformáronse en núcleos de loita contra o réxime franquista", asegurou a directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao. A profesora Cagiao foi a encargada de presentar a xornada de hoxe do I Congreso "O Exilio Galego", dedicada ós destinos do exilio.

De xeito sintético, a directora do AEG, expuxo as características dos distintos países de acollida, analizando tamén os diferentes camiños polos que os galegos chegaron a América. Coa súa intervención, Pilar Cagiao creou o marco xeral sobre o que se apoiaron o resto dos relatores da xornada, que se centraron na análise dos exilios galegos en Arxentina, Uruguai, Cuba, Porto Rico ou Estados Unidos, entre outros.

A xornada contou coa participación dun gran coñecedor do exilio galego, Xosé Neira Vilas, quen asegurou que "os anos que pasei en Bos Aires foron definitivos para a miña formación". Segundo o escritor, "os galegos que xa residían alí traballaron moito por Galicia, informando ós recén chegados e desenvolvendo un activismo cultural moi importante". Neira Vilas aproveitou a súa intervención no Congreso do Exilio para lembrar figuras tan senlleiras no exilio arxentino como Castelao, Dieste ou Ramón de Valenzuela pero tamén ós exiliados "de segundo orde, ós que eu chamo os 'escuros', exiliados menos coñecidos pero que seguiron os mesmos principios que Suárez Picallo ou Seoane".

Experiencia propia
Trala testemuña de Neira Vilas, Carlos Zubillaga fixo a súa contribución, analizando pormenorizadamente o exilio galego en Uruguai, caso no que expuxo a situación particular do colectivo galego en Montevideo. Desta cidade "Castelao diría que era como a capital metropolitana da Galicia libre pola que loitaron", asegurou o relator, quen resaltou a situación que viviron os galegos naqueles anos, co apoio da poboación pero cunhas autoridades que non eran moi favorables ó acollemento dos exiliados republicanos.

Alex Cornejo, co caso do exilio de Suárez Picallo en Chile, Matilde Albert, sobre Porto Rico, Jorge Domingo, co caso cubano, Enrique Tuñón, de México, Víctor Fuentes, de Estados Unidos, e Isabel Gómez, en torno ó exilio galego en Europa, completaron a xornada dedicada ós destinos dos exiliados.

Pola tarde, a proxección de Mauthausen: regreso ó campo da morte, de Manuel Torrente (1989) porá fin ós actos do Congreso do Exilio en Santiago xa que a xornada de clausura terá lugar en Sada e Betanzos, coa presentación, respectivamente, da base biobibliográfica dos exiliados galegos, O Exilio Galego. Repertorio biobibliográfico: unha primeira achega, e do libro Homenaxe ós mártires de Betanzos.