A directora do Arquivo da Emigración Galega, Pilar Cagiao, así como outro dos membros do AEG e colaborador co autor nas pesquisas de bibliografía, Xosé Manuel Núñez Seixas, estarán xunto ó autor, Raúl Soutelo Vázquez, para facer a presentación deste libro, editado polo Consello da Cultura Galega.
En De América para a Casa: correspondencia familiar de emigrantes galegos no Brasil, Venezuela e Uruguay (1916-1969) recóllese un completo epistolario da familia González Añel e González Nóvoa no os expertos condieran que é un exemplo prototípico da tradición emigrante galega.
Experiencias vitais
Gracias á colaboración do equipo de investigadores do Arquivo da Emigración Galega, así como daqueles que herdaron estes documentos, Raúl Soutelo conseguiu recoller 156 cartas enviadas por aquela parte da familia González emigrada en Caracas, Montevideo e São Paulo, ós seus parentes de Carballedo (Lugo) entre 1916 e 1969. Segundo o autor, este epistolario supón unha memoria documental das experiencias vividas a nivel individual e familiar daqueles que viviron esta situación tan común no pasado histórico da Galicia contemporánea.
Este volume, que tamén se pode descargar a través do sitio web oficial do Consello da Cultura Galega, recolle a transcripción literal destas cartas, nas que se pon de manifesto as experiencias vitais cotiás daqueles que tiveron que adaptarse a unha realidade distinta a do seu país de orixe.