NOTICIA

----

OS TÉCNICOS PIDEN POLÍTICAS ORIENTADAS CARA Ó TRASVASE DE COÑECEMENTO E Á ACCIÓN CULTURAL

As distintas relacións que se poden establecer entre a acción cultural e a participación centran este ano a nova edición dos Encontros Cultura e Concellos que, por terceiro ano, organiza o Consello da Cultura Galega en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Estas dúas xornadas de debate, que se van celebrar entre hoxe e mañá, 1 de decembro, na sede do CCG en Compostela foron inauguradas esta mañá da man do presidente do Consello da Cultura Galega, Carlos Casares, o vicepresidente da FEGAMP, Enrique Fernández, o director xeral de Promoción Cultural, Homero Pérez Quintana e o coordinador das xornadas, Xan Bouzada.

"Nestes momentos, un dez por cento do gasto dos concellos xa está sendo destinado á promoción cultural", destacou o alcalde de A Pontenova e vicepresidente da FEGAMP, Enrique Fernández, quen sen embargo, denunciou o feito de que a maioría dos concellos orientan todas as accións cara á mocidade, esquecendo ós maiores que, pola súa traxectoria vital son eles mesmos fonte de coñecemento. Neste sentido, Enrique Fernández fixo un chamamento para que o voluntariado, ata o de agora entendido tan só como elemento de asistencia social, "vaia sendo derivado cara á promoción", incorporándolle persoas da 3ª idade co obxectivo de que entren en contacto coas novas xeracións "favorecendo así o trasvase de coñecementos que doutro xeito quedarían esquecidos".

A democratización da cultura
Pola súa banda, o coordinador dos Encontros, Xan Bouzada, dedicou a súa intervención a explicar as motivacións polas que, un ano máis, vólvense a organizar Cultura e Concellos, analizando así mesmo a estructura das xornadas e o feito de que se inclúan paneis coas experiencias concretas máis destacadas que se levan adiante en concellos galegos ou portugueses. Bouzada, ademais de coordinador, tamén participou nesta primeira xornada como relator, elaborando durante a súa intervención o marco histórico no que evoluíron as políticas culturais a partir da segunda metade do século XX, momento no que a cultura, que comenzaba un proceso de democratización, converteuse en "elemento de estructuración dunha sociedade como era a francesa que quedara perxudicada trala ocupación nazi".

Segundo Xan Bouzada "a cultura está a vivir nestos momentos un tensionamento sociolóxico moi forte" provocado, na opinión do relator, "polo propio éxito da cultura", éxito que está a provocar a súa secularización. Deste xeito, di Bouzada, a cultura está ó alcance dunha sociedade na que se produciron numerosos cambios, transformacións que a achegan a tódolos sectores sociais pero que provocan que "prime o consumo sobre a propia acción cultural".

Esta situación leva consigo dous problemas: o consumo de cultura é discriminante, xa que establece unha distinción entre grupos sociais, e é un acto sesgado, posto que non hai lugar á creación. Neste sentido, Bouzada insistitu no feito de que os técnicos de cultura "debemos buscar solucións a estes problemas, como intermediarios ante os grupos socias que somos, para garantir unha difusión cultural completa, que implique consumir e crear.”

Defensa do patrimonio, non localismo
O profesor da Universidade de Valencia, Antonio Ariño, tamén participou nesta xornada de mañá, nunha intervención na que teorizou respecto á evolución do concepto de patrimonio e aproveitou para dar a coñecer o caso concreto no que se atopa Valencia respecot ó asociacionismo e defensa da cultura popular. Así, Antonio Ariño destacou a evolución que o concepto de patrimonio ó longo do tempo, pasando da tanxibilidade do patrimonio monumental ó concepto de ben cultural, entendido como "aquelas manifestacións que constitúen tesouros vivos da cultura intanxible dunha comunidade", asegurou este profesor.

Segundo Ariño, "o asociacionismo e a acción cívica está experimentando unha grande vitalidade e xa non acepta o dictame externo á hora de decidir que é o importante dentro dunha comunidade". "Non debemos confundir o asociacionismo cun localismo trasnochado e nostálxico, como o demostran unha serie de rasgos que se observan, por exemplo, no asociacismos valenciano”. Este novo asociacionismo do que falou Antonio Ariño caracterízase fundamentalmente por "convertir o patrimonio en algo vivo polo que se loita cunha grande forza social, forza da que non dispoñen outro tipo de movementos".