NOTICIA

----

MARIO GARCÍA: "INTERNET NUNCA SUBSTITUIRÁ ÓS XORNAIS"

O consultor Mario García ofreceu unha conferencia sobre ó redeseño dos xornais impresos e electrónicos. Experto deseñador e dono da súa propia empresa en EE.UU, Mario García foi o encargado da renova-la imaxe de 450 publicacións en 35 países.

Ó longo dunha intensa xornada, composta por dous seminarios e unha conferencia, o doutor Mario García fixo un repaso polo estado actual do deseño tanto dos xornais en papel como doutras publicacións electrónicas en varios países. Durante a súa intervención, García augurou unha maior relación entre as publicacións en papel e as electrónicas. Este deseñador salientou que os periódicos do futuro deberán reducir a súa carga visual e incrementa-las relacións entre a versión en Internet e a versión en papel.

Mario García adiantou cales serán as tendencias do futuro no deseño gráfico dos xornais e das súas versións electrónicas na conferencia maxistral "Novas tendencias mundiais no deseño da prensa tradicional e electrónica" nun seminario organizado pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega co patrocinio de Unión Fenosa.

Deseño minimalista
"O deseño dos xornais nos próximos anos será minimalista, moi sobrio, moi preocupado polo contido", asegurou o deseñador, director de Mario García Media Group e un dos máis prestixiosos profesionais da prensa na actualidade no mundo. Mario García analizou as claves do deseño nos próximos anos: "ter moi en conta a relación coa versión electrónica baixo a estratexia da complementación entre os contidos da edición dixital e a edición en papel". García asegurou que os xornais "deben ter un editor de contidos on line que participa das decisións da redacción en papel". A conferencia foi retransmitida a través de Internet coa colaboración da Radio Galega (Compañía de Radio Televisión de Galicia).

Deseñador de máis de 450 xornais
Mario García é mundialmente coñecido como experto no deseño de xornais impresos e electrónicos. De orixes cubanas, este asesor dalgúns dos principais grupos de comunicación do mundo, participou no deseño de preto de 450 xornais en 35 países a finais do pasado ano. Propietario da empresa Mario Garcia Group, radicada nos Estados Unidos, está especializado no desenvolvemento do deseño de publicacións, e especialmente en crear contornos nos que as publicacións existentes poden facer unha fácil transición cara á publicación electrónica.