NOTICIA

----

O PRIMEIRO SIMPOSIO GALEGO DE TERMINOLOXÍA SERÁ INAUGURADO HOXE EN SANTIAGO

A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega (CCG) e o Servicio de Terminoloxía Galega (Termigal) promoveron o I Simposio Galego de Terminoloxía "Terminoloxía e planificación lingüística", que hoxe, xoves, ás 16´30 horas, vai ser inaugurado no salón de actos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago.

O simposio, no que se inscribiron máis de cen persoas, promove un foro de debate sobre o desenvolvemento terminolóxico galego e a creación dunha rede que sirva para cooordinar os esforzos e os recursos existentes e contribúa a impulsar as industrias da lingua en Galicia. Proponse asemade inserir o galego no debate sobre a elaboración terminolóxica peninsular e presentar nun foro especializado os últimos avances na producción de ferramentas e publicacións sobre terminoloxía galega.

A sesión inaugural será presidida polo Director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras e a primeira conferencia estará ó cargo de Joaquín Fernández Pérez, da Universidade Complutense de Madrid, quen falará sobre "A cascarilla e a terminoloxía codificada". Os días 7 e 8 as sesións celebraránse no salón de actos do CCG e constarán de dúas mesas redondas en cada xornada matinal, ás 10´00 e ás 12´30 horas.

O venres, "O desenvolvemento do galego como lingua de especialidade, visión do especialista" (Miguel Conde Teira, Xosé Masa Vázquez e Xosé María Lema Suárez) e "Aproveitamento do portugués na elaboraciòn terminolóxica galega" (María Rute Costa Vilhena, María Xesús Miramontes Castro, Valentina Formoso Gosende, Liliana Martínez Calvo e Salvador Pérez Froiz). O sábado a sesión estará adicada á presentación de ferramentas terminolóxicas (Xusto Rodríguez Río, Ana Isabel Martínez Fernández e Berta Castaño Torrado) e á presentación de productos terminolóxicos (Manuel Núñez Singala, Xosé María Gómez Clemente, Xusto Rodríguez Río e Alberte González Montañés).

As sesións da tarde, tamén na sede do CCG, estarán reservadas para as IV Xornadas de Traballo da Asociación Española de Terminoloxía (AETER), que preside Teresa Cabré Castellví. O simposio está coordinado por Manuel González González e Henrique Monteagudo Romero, directores de Termigal e da Sección de Lingua do CCG, respectivamente.