NOTICIA

----

O PLENO DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA APROBOU UN ORZAMENTO DE 2.093.545 EUROS PARA O 2004

O Pleno do Consello da Cultura Galega (CCG) aprobou esta tarde o proxecto do orzamento para 2004 que ascende a 2.093.545 euros e supón tan só un incremento do 0´80 por cento respecto do ano anterior. O pleno, celebrado baixo a presidencia do titular, Alfonso Zulueta de Haz, aprobou asemade as previsións de traballo das doce Seccións e os catro Arquivos que desenvolven a actividade da institución.

Entre os proxectos aprobados figura a exposición "O sorriso de Daniel", que proxectará no exterior a imaxe de Galicia e iniciará o seu percorrido en Barcelona co gallo do Forum-2004. Tamén están en marcha os preparativos para organizar as exposición "As Cantigas de Santa María e a revisión histórica do tempo do Rei Alfonso X "O Sabio" e sobre a figura do Conde de Gondomar, ambas en 2005. No esquema de traballo figuran asemade a edición da obra completa do Padre Sarmiento e os dous últimos volumes do Informe sobre Política Lingüística e varios proxectos das Seccións de Comunicación e Cultura Galega no Exterior, entre outras.

O Presidente deu conta da celebración os días 12, 13 e 14 de novembro das Xornadas "Galicia, estratexias de futuro: novos espazos na sociedade global" como parte dos actos programados para conmemorar os primeiros vinte anos do CCG. Conmemoración que terá a súa celebración oficial o vindeiro día 9 de decembro. Amais dos informes dos coordinadores das Seccións e dos Arquivos, o Presidente do CCG deu conta da súa comparecencia o pasado 29 de outubro no Parlamento de Galicia e da eloxiosa acollida que a actividade do Consello mereceu por parte dos representantes de todos os grupos parlamentarios, "que valoraron moi positivamente ese labor, tendo en conta as competencias e os presupostos do Consello", dixo. O Presidente informou tamén da súa viaxe a próxima semana a Bós Aires (Arxentina) para intervir no VII Pleno do Consello de Comunidades Galegas, que por vez primeira sesionará fora de Galicia.

O CCG foi creado por decisión unánime do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo), dacordo co mandato do artigo 32 do Estatuto de Autonomía. É un órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización ó que compete a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Está composto por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega e actúa con independencia respecto ós poderes da Comunidade Autónoma e da súa Administración.

Actualmente o seu traballo estructúrase e proxéctase a través de doce Seccións: Antropoloxía Cultural; Arquitectura; Artes Plásticas; Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade; Comunicación; Cultura Galega no Exterior; Dereito Galego; Lingua; Música e Artes Escénicas; Patrimonio Histórico; Patrimonio Natural e a de Literatura e Industrias da Edición, creada recentemente. Conta ademais con catro arquivos: Emigración Galega; Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia; Sonoro de Galicia e Comunicación.