NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA RECUPERA A EXCEPCIONAL FIGURA DE BIBIANO FERNÁNDEZ OSORIO TAFALL

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá a presentación e proxección do vídeo "As claves do enigma. Tafall entre tres mundos", realizado polo historiador José Antonio Durán e patrocinado polo CCG e o Servicio de publicacións da Deputación de Pontevedra. Con esta obra, o Consello da Cultura Galega pretende rescatar a memoria deste excepcional personaxe da historia de Galicia, Bibiano Fernández Osorio Tafall (Pontevedra 1902- México 1990), rescatar a súa traxectoria como líder político, como funcionario internacional e como científico.

Na presentación do acto o catedrático da Universidade de Santiago Ramón Villares salientou a relevancia de Tafall describindo as "tres vidas" que tivo. Nunha primeira etapa, Villares destacou a figura de Tafall como un dos máis brillantes líderes republicanos que tivo España, de firmes conviccións republicanas e autonomistas, participando activamente na convocatoria do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936 xunto a Casares Quiroga. A segunda etapa deste persoeiro viría coa Guerra Civil española, onde tivo unha activa participación ó ser nomeado Comisario Xeral dos Exércitos da República.

A última etapa na vida de Tafall sinalada por Villares consistiría no exilio forzado trala derrota. Fóra de España, a súa vida deu un cambio substancial que o levou a ocupar en Nova York postos de alto funcionario nas Nacións Unidas e na FAO, ata a súa xubilación en 1974 como subsecretario xeral da ONU, onde levou a cabo un traballo infatigable pola paz no ámbito internacional. Despois desta etapa, viría o seu achegamento de novo a Galicia, unha vez instaurada a democracia. Un regreso sentimental aínda que non profesional, xa que a rexeitou afirmando que "son un disidente, a miña patria é o mundo, se me apura o terceiro mundo".

Durante a presentación do vídeo, na que perticipou o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, o realizador do vídeo e o decano da Facultade de Ciencias de Comunicación, Xosé López, tamén se recoñeceu a faciana científica de Bibiano Fernández Osorio Tafall. O presidente da Academia Galega das Ciencias, Ernesto Viéitez, fixo unha emotiva lembranza de Tafall, como discípulo que se considera del. Recordou a súa figura como a dun "mestre extraordinario" que o orientou definitivamente a el cara as ciencias. Do seu pensamento científico tamén dá fe o vídeo, no que Tafall afirma que "a ciencia e a razón dominarán o futuro, non a economía", que na súa opinión leva á explotación das desigualdades, como lle permitiuou comprobar o seu traballo na FAO.

A proxección do vídeo, nun auditorio formado por máis dun centenar de persoas entre as que se atopaba o intelectual Isaac Díaz Pardo, repetirase mañá mércores ás 20:00 no Café Moderno de Pontevedra, coa colaboración de Caixa Galicia.

Perfil biográfico
Bibiano Fernández-Osorio Tafall, graduado en Ciencias Naturais na Universidade de Madrid e secretario da Misión Biolóxica de Galicia, foi alcalde de Pontevedra, presidente da Deputación, deputado en dúas lexislaturas e Presidente do Comité Central da Autonomía de Galicia. Lider do sector máis galeguista da esquerda, convertiuse nunha das figuras máis representativas da Autonomía de Galicia desde 1930.

Home da máxima confianza de Santiago Casares Quiroga, xogou un papel importante na definitiva convocatoria do Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, apoiado polo Frente Popular galego, trunfante nas eleccións de 1936, do que tamén formaba parte o Partido Galeguista. Subsecretario de Traballo e Previsión Social e de Gobernación, Comisario Xeral dos Exércitos da República e encargado por Negrín de organizar o traslado a Europa e América dos desterrados españois como consecuencia da derrota en 1939, emprendeu o camiño do exilio para dedicarse, a través da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) á ciencia aplicada á alimentación, especialmente nos campos da pesca e a conserva. Foi él o creador do chamado "Grupo da FAO" para o que contou coas contribucións de expertos galegos como Valentín Paz Andrade, Domingo Quiroga e Francisco López Capont.