NOTICIA

----

AS XORNADAS DE ARQUITECTURA REMATAN CUNHA CRÍTICA Á ELITE DE PROFESIONAIS E CUNHA APOSTA POR OBRAS QUE SOBREVIVAN Ó SEU TEMPO

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) celebra hoxe a segunda e última sesión das xornadas "A arquitectura desde Cataluña". O deseño dos edificios para que consigan superar os cambios vertixinosos da sociedade, a necesidade dunha normativa que unifique criterios para os chamados "tipos edificatorios", como escolas e hospitais, e a "debilidade" da reflexión crítica coa arquitectura e a elite da profesión foron algúns dos temas abordados.

A xornada, á que asisten máis dun centenar de persoas, comezou cunha intervención do arquitecto Ignacio Paricio na que salientou a necesidade de proxectar os edificios para que poidan sobrevivir ós vertixinosos cambios na sociedade (normativas, modas...) e adaptarse ás necesidades dos usuarios en cada momento (ampliacións, modificacións...). Paricio tamén destacou a necesidade dunha normativa que estableza as características dos chamados "tipos edificatorios", como hospitais ou escolas.

A continuación, o arquitecto, profesor e redactor da revista DDA, Carlos Martí expuxo a obra de cinco estudios cataláns como mostra da expresión da base cultural arquitectónica de Cataluña. Martí denunciou o momento de "debilidade" para a reflexión crítica da arquitectura e criticou o encumbramento polos medios de comunicación dunha elite de arquitectos que acaban acaparando sempre os grandes proxectos e que non dan conta da pluralidade creativa neste ámbito. Na súa opinión, os arquitectos famosos non sempre son os bos arquitectos, aínda que hai casos nos que si coinciden estas dúas características.

A xornada da mañá rematou con "Apuntes sobre o valor da experiencia na arquitectura catalana" de Antonio Armesto, na que destacou a achega de arquitectos con obras de "pequena escala" pero sen os cales non se pode entender a evolución nas últimas década da arquitectura na Comunidade catalana. Carles Ferrater e Carme Pigem, considerados dous dos mellores arquitectos en activo, pecharán as xornadas "A arquitectura desde Cataluña". Ferrater realizou un dos oito proxectos presentados para a construcción de Artabria, a Casa da Historia da Coruña.

Deste xeito, os organizadores do encontro, Iago Seara e Antonio Armesto, dan por acadados o obxectivo do encontro: abordar da man dalgúns dos mellores profesionais cataláns unha análise da arquitectura nesa Comunidade, así como abrir canles de reflexión e intercambio de coñecementos entre arquitectos galegos e cataláns. Foron as segunda xornadas dun proxecto máis amplo que pretende ofrecer unha visión global e interxeneracional da arquitectura de Galicia e doutros focos peninsulares de especial significación. En maio o Consello acolleu as xornadas sobre Lisboeta e no futuro continuarase o ciclo con encontros sobre a arquitectura en Euskadi e Navarra, Andalucía e Castela e León.