----

DESTACADOS ARQUITECTOS CATALÁNS ANALIZAN NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA A PRODUCCIÓN DAS ÚLTIMAS DÉCADAS

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) celebra hoxe e mañá as xornadas "A Arquitectura desde Cataluña", na que participan relevantes profesionais e profesores desa Comunidade. Na sesión inaugural, os coordinadores do encontro, Iago Seara e Antonio Armesto, destacaron a necesidade de entender a arquitectura como unha conformación máis da cultura e de crear canles de diálogo entre os profesionais da Península para unha mellor formación dos arquitectos. Con este obxectivo, as Xornadas, sinalan, contan coa participación dalgúns dos máis representativos profesionais das xeracións de arquitectos cataláns das últimas décadas, dende Federico Correa ós máis recentes valores.

Os relatorios comezaron cunha exposición do catedrático Josep María Montaner, que fixo un repaso da obra das últimas décadas en Cataluña e que comezou criticando que nesa Comunidade, a pesares da súa producción creativa, non se produzan foros de debate e intercambio de coñecementos como estas Xornadas. Neste repaso xeracional, Montaner destacou que a arquitectura catalana non só está formada polos nomes consagrados, senón tamén por aqueles profesionais que cada día intentan abrirse camiño participando en exposicións, interiorismo ou intervencións efémeras.

Pola súa banda, o arquitecto e profesor Jordi Badía, do Estudio BAAS, expuxo algúns dos proxectos máis destacados nos que participou ou participa actualmente, entre os que destacan dous tanatorios de León e Tarrasa e que puxo como exemplo de que a obra non se pode desentender do lugar onde se empraza, da súa cultura.

Para rematar a sesión da mañá, o tamén profesor e arquitecto Helio Piñón, abordou a arquitectura dende o "material" que ofrece a experiencia, neste caso máis de trinta anos de exercicio profesional. Así, destacou que a gran arquitectura do último século non están baseada na experimentación e na innovación, senón na experiencia e na calidade. Na súa opinión, a experimentación "non se pode facer co diñeiro da xente ou das Administracións públicas".Xa pola tarde, o arquitecto Federico Correa fará balance dos seus cincuenta anos de práctica profesional na arquitectura e Josep Llinás abordará a súa obra recente. Para rematar a xornada, realizarase unha mesa redonda na que os participantes poderán debatir sobre os prantexamentos e as obras manexadas durante todo o día.

Mañá venres, día 28, as xornadas continuarán ás 10:30 cos relatorios "Arquitectura para o cambio", de Ignacio Paricio, e "Cataluña: outras arquitecturas", de Carlos Martí. Antonio Armesto, con "Apuntes sobre o valor da experiencia na arquitectura catalana", Carles Ferrater, con "3 3 3 -1", e Carmen Pigem, co relatorio "Cristalizacións", completarán esta ambiciosa perspectiva global e interxeneracional da arquitectura catalana.

Estas xornadas celébranse dentro dun ciclo dedicado a ofrecer unha visión global da arquitectura de Galicia e doutros focos peninsulares de especial significación. En maio o Consello acolleu a celebración das xornadas "A Arquitectura Lisboeta" e no futuro continuarase o ciclo con encontros sobre a arquitectura en Euskadi e Navarra, Andalucía e Castela e León. Da confrontación do coñecemento da arquitectura galega e destas Comunidades elaborarase unha publicación.