----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA CELABRA MAÑÁ VENRES UN ENCONTRO SOBRE OS DEREITOS DE AUTOR

O Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega (CCG), celebra este venres, día 21, o III Encontro O Son da Memoria baixo o título "De quen é a palabra. Arquivos sonoros e propiedade intelectual". A xornada abordará a polémica en torno á xestión dos dereitos de autor e a propiedade intelectual ante as posibilides de difusión que ofrecen as novas tecnoloxías.

O Encontro será inaugurado ás 9:30 da mañá polo vicepresidente do CCG e director do Arquivo Sonoro de Galicia, Ramón Castromil, e o coordinador do Arquivo, Rodrigo Romaní. Os relatorios comenzarán ás 10 cunha definición dos dereitos de autor no novo marco tecnolóxico a cargo da letrada da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) Marta Beca e do mánager e productor musical Xosé Manuel Blanco.

Unha vez definidos os conceptos básicos e o marco legal, ás 12:30 realizarase unha mesa redonda na que o productor Xosé Manuel Blanco, o avogado David Bravo e o director da sección dixital da SGAE, a SDAE, José Neri, exporán as súas posturas diverxentes en torno ó que debe ser a xestión dos dereitos de autor e a propiedade intelectual.

Xa pola tarde, o acto continuará ás 16:30 analizando os dereitos de autor no caso concreto do arquivos sonoros, coa participación de Ángeles Afuera, xefa de Documentación da Cadea Ser, de Margarida Estanyol, directora da Fonoteca de Catalunya, e Mateo Maciá, director do Arquivo do Congreso dos Deputados. O III Encontro O Son da Memoria rematará cun concerto ás 21:00 horas de Baldo Martínez Cuarteto Acústico na Aula de Caixa Galicia.

Con este programa, o Arquivo Sonoro de Galicia pretende tentar clarificar as tendencias de opinión existentes sobre a xestión dos dereitos de autor e expoñer cal é na práctica a xestión dos recursos xerados pola propiedade intelectual, tendo especialmente en conta as posibilidades que abre ós usuarios e ós arquivos as novas tecnoloxías e Internet. O Encontro quere tamén pulsar as razóns e dúbidas de técnicos e expertos na materia.