NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PRESENTA ESTE MARTES UN VÍDEO CO PERFIL BIOGRÁFICO DE BIBIANO FERNÁNDEZ OSORIO TAFALL

Un vídeo coa biografía de Bibiano Fernández-Osorio Tafall (Pontevedra, 1902-Cidade de México, 1990) será presentado o día 2 de decembro, ás 12´00 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG). Realizado polo historiador José Antonio Durán e patrocinado polo Servicio de Publicacións da Deputación de Pontevedra e o CCG, o vídeo permite un achegamento ó perfil histórico dunha das personalidades galegas máis relevantes da II República e tamén ó funcionario español que acadou o máis alto rango nas organizacións internacionais. Tafall xubilouse coa categoría de subsecretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), logo de 26 anos de servicio.

No acto de presentación do vídeo intervirán: Ernesto Vieitez Cortizo, Presidente da Academia Galega das Ciencias; Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC); Xosé López, Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; José Antonio Durán, guionista e director da producción "As claves do enigma. Tafall entre tres mundos" e Alfonso Zulueta de Haz, Presidente do Consello da Cultura Galega.
Un acto semellante, cos mesmos protagonistas, celebrarase o día 3 de decembro, ás 20´00 horas, no Café Moderno, en Pontevedra. Neste caso, coa colaboración de Caixa Galicia.

Bibiano Fernández-Osorio Tafall, graduado en Ciencias Naturais na Universidade de Madrid e secretario da Misión Biolóxica de Galicia, foi alcalde de Pontevedra, presidente da Deputación, deputado en dúas lexislaturas e Presidente do Comité Central da Autonomía de Galicia. Líder do sector máis galeguista da esquerda, convertiuse nunha das figuras máis representativas da Autonomía de Galicia desde 1930.

Home da máxima confianza de Santiago Casares Quiroga, xogou un papel importante na definitiva convocatoria do Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia, apoiado polo Frente Popular galego, trunfante nas eleccións de 1936, do que tamén formaba parte o Partido Galeguista. Subsecretario de Traballo e Previsión Social e de Gobernación, Comisario Xeral dos Exércitos da República e encargado por Negrín de organizar o traslado a Europa e América dos desterrados españois como consecuencia da derrota en 1939, emprendeu o camiño do exilio para dedicarse, a través da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) á ciencia aplicada á alimentación, especialmente nos campos da pesca e a conserva. Foi él o creador do chamado "Grupo da FAO" para o que contou coas contribucións de expertos galegos como Valentín Paz Andrade, Domingo Quiroga e Francisco López Capont.