NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA ABORDA A POLÉMICA DOS DEREITOS DE AUTOR NO ENCONTRO "O SON DA MEMORIA"

O Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este venres, día 21, o III Encontro O Son da Memoria baixo o título "De quen é a palabra. Arquivos sonoros e propiedade intelectual". O coordinador do Arquivo, Rodrigo Romaní, destacou esta mañá en rolda de prensa a importancia destas xornadas para abordar un tema de polémica actualidade, os dereitos de autor e a propiedade intelectual, debido ás posibilidades de difusión de datos ofrecidas polas novas tecnoloxías.

O Encontro comenzará cunha definición dos dereitos de autor no novo marco tecnolóxico a cargo da letrada da Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) Marta Beca e do mánager e productor musical Xosé Manuel Blanco. Unha vez definidos os conceptos e o marco legal, realizarase unha mesa redonda na que o director da sección dixital da SGAE, a SDAE, José Neri, o productor Xosé Manuel Blanco e o avogado David Bravo exporán as súas posturas contrapostas en torno ó que debe ser a xestión dos dereitos de autor e a propiedade intelectual. Rodrigo Romaní e o director do Arquivo Sonoro de Galicia e vicepresidente do CCG, Ramón Castromil, serán os encargados de inaugurar o encontro.

Xa pola tarde, o acto centrarase nos dereitos de autor no caso concreto do arquivos sonoros, coa participación de Ángeles Afuera, xefa de Documentación da Cadea Ser, de Margarida Estanyol, directora da Fonoteca de Catalunya, e Mateo Maciá, director do Arquivo do Congreso dos Deputados. O III Encontro O Son da Memoria rematará cun concerto na Aula de Caixa Galicia de Baldo Martínez Cuarteto Acústico.

Con este programa, o Arquivo Sonoro de Galicia pretende tentar clarificar as tendencias de opinión existentes sobre a xestión dos dereitos de autor e expoñer cal é na práctica a xestión dos recursos xerados pola propiedade intelectual, tendo especialmente en conta as posibilidades que abre ós usuarios e ós arquivos as novas tecnoloxías e Internet. O Encontro quere tamén pulsar as razóns e dúbidas de técnicos e expertos na materia.

Os interesados en participar neste encontro poden inscribirse ata o 20 de novembro. O número de prazas, que se cubrirán por orde de inscrIción, é de 100.