NOTICIA

----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PORÁ EN MARCHA O DÍA 17 UN "OBRADOIRO DE CRÍTICA DE ARTE"

A Sección de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega (CCG) porá en marcha dende o luns, día 17 e ata o 21 de novembro un OBRADOIRO DE CRÍTICA DE ARTE, coordinado por Miguel Cereceda, crítico de arte e comisario independente.

O curso impartirase de 16´30 a 19´00 horas na biblioteca do CCG e pretende un achegamento á critica de arte contemporánea e a formación de profesionais especializados. A asistencia limitouse, por orde de inscrición, a vinte persoas.O obradoiro funcionará como un taller práctico de crítica de arte e incluirá, como metodoloxía de actuación, a visita a algunha das principais exposicións que se celebren neses días en Santiago de Compostela, tanto durante as explicacións como na realización de exercicios de carácter práctico de crítica de arte.

O programa inclúe unha primeira intervención de tipo teórico, seguida dun debate e discusión, de xeito que os participantes poidan ir desenvolvendo as súas propias estratexias de valoración crítica conforme ás materias do programa: Paradoxos da crítica; Crítica de arte e criterios; Visita a unha exposición; Crítica de arte moderna e posmoderna e Arte e verdade.