----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA PRESENTA ESTA MAÑÁ UN OBRADOIRO DE CRÍTICA DE ARTE

A Sección de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega (CCG) considera necesaria a creación de profesionais especializados da crítica de arte. Con este obxectivo, nunha dirección pedagóxica e paralela á acción promocional doutros proxectos, o CCG prantexa a realización deste Obradoiro de crítica de arte, que terá lugar a próxima semana (do 17 ó 21), fusionando as áreas teóricas e prácticas desta disciplina. A necesidade de relación e comunicación entre o feito artístico e a sociedade fixo precisa a creación dunha serie de interlocutores da mensaxe estética. O crítico de arte, axente activo deste intercambio, actúa de espectador intencionado na engrenaxe da industria cultural.

Este obradoiro, coordinado por Miguel Cereceda, crítico de arte e comisario independente, pretende ser un achegamento á crítica de arte contemporánea, consistente en cinco leccións sobre crítica de arte e os criterios de valoración, así como un percorrido polas principais tendencias da teoría da arte contemporánea. O curso desenvolverase de xeito paralelo como un taller práctico de crítica de arte, onde se incluirá, como metodoloxía de actuación, a visita a algunha das principais exposicións que se celebren en Santiago de Compostela durante a realización deste e na execución de exercicios de carácter práctico de crítica de arte.

Deste xeito, o curso articularase nunha primeira intervención de tipo teórico, seguida dun debate e discusión sobre esta, de modo que os participantes poidan ir desenvolvendo as súas propias estratexias de valoración crítica, conforme a un programa establecido: 1. Paradoxos da crítica; 2. Crítica de arte e criterios; 3. Visita a unha exposición; 4. Crítica de arte moderna e posmoderna e 5. Arte e verdade.

O obradoiro desenvolverase en horario de tarde, das 16:30 ás 19:00 horas na biblioteca do Consello da Cultura Galega.

Rolda de prensa: 13:00 horas na Biblioteca do Consello da Cultura Galega