NOTICIA

----

O FILÓSOFO FRANCÉS GILLES LIPOVETSKY ABRIRÁ HOXE AS XORNADAS "GALICIA, ESTRATEXIAS DE FUTURO: NOVOS ESPAZOS NA SOCIEDADE GLOBAL", NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O filósofo francés Gilles Lipovetsky pronunciará hoxe, mércores, 12 de novembro, ás 19´00 horas, a conferencia inaugural das Xornadas GALICIA, ESTRATEXIAS DE FUTURO: NOVOS ESPAZOS NA SOCIEDADE GLOBAL, organizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG), dentro dos actos conmemorativos do vinte aniversario da institución. No acto inaugural intervirán tamén o Presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, e o coordinador das xornadas, Antón Baamonde.

Lipovetsky, investigador das tendencias fundamentais da cultura actual, da reformulación do individualismo e a posibilidade dunha ética posmoderna, disertará sobre o tema "Da posmodernidade á hipermodernidade: os novos xeitos de vida individualistas". Autor de obras como "A era do vacío", "O imperio do efímero", "O crepúsculo do deber", "Metamorfose da cultura liberal" ou "A terceira muller", prepara un libro sobre a sociedade de consumo e a felicidade e está considerado como un dos máis agudos pensadores da posmodernidade.

"Temos o deber de inventar un novo contrato social que concilie os valores individualistas do mercado e a obriga da solidariedade; un novo Estado-Providencia esixido non só pola súa crise financieira senón tamén polos novos fenómenos de exclusión que afectan a millóns de individuos e que enxendran a gran pobreza, o paro de longa duración, os sen teito...en poucas palabras o individuo desocializado, privado de futuro", escribiu Gilles Lipovetsky.

As xornadas continuarán, en sesións de mañá e tarde, na sede do CCG, en Santiago de Compostela, os días 13 e 14 de novembro. O xoves, 13, están previstas as intervencións de César Portela (Proxectando Galicia); Jordi Borja (O urbanismo das cidades españolas: entre o espazo público e o parque temático); Nuno Portas (Redes urbanas no Noroeste peninsular) e Juan Luís Dalda (A cidade difusa no noroeste peninsular). O venres,14 os relatores serán Anxel Viña (Galicia e o Norte de Portugal como espazo de sinerxias), Antonio Figueiredo (Cuestións de gobernanza do policentrismo periférico: o caso de Galicia e o Norte de Portugal); Xavier Rubert de Ventós (¿Competitivos ou complementarios?) e Fermín Bouza (Castela e Galicia: analoxías e disparidades). Coordinadas polo profesor e ensaísta Antón Baamonde, as xornadas forman parte dos actos conmemorativos dos primeiros vinte anos do Consello da Cultura Galega. Os inscritos dispoñen de créditos de libre configuración das Universidades de Vigo e A Coruña.

A inscripción, que é gratuíta, pode facerse directamente nas dependencias do CCG (Pazo de Raxoi; 2º andar. Teléfono 981-957202) ou a través da web.