----

AS XORNADAS "GALICIA, ESTRATEXIAS DE FUTURO" CUESTIONAN A ORDENACIÓN TERRITORIAL E APOSTAN POLA PLANFICACIÓN ESPACIAL

O arquitecto Juan Luís Dalda Escudero reivindicou o principio da "planificación espacial máis alá da ordenación do territorio" na súa intervención nas xornadas "Galicia, estratexias de futuro. Novos espazos na sociedade global", que están a celebrarse no Consello da Cultura Galega (CCG), en Santiago, coa participación de filósofos, sociólogos, arquitectos e urbanistas e que rematarán hoxe, venres. Dalda, profesor titular de Planeamento Urbanístico da Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña, reflexionou sobre "a cidade difusa no noroeste peninsular", insistiu na necesidade de "adecuar a planificación terrtorial ó complexo espazo urbano do século XXI" e lembrou que o que definiu como "fracaso do feísmo é o fracaso de vinte anos de política urbanística con protagonismo especial da Xunta, do Parlamento de Galicia e tamén dos concellos".

Na sesión da tarde interviu tamén o arquitecto portugués, Manuel Fernandes de Saa, xunto co escritor Victor Freixanes.As xornadas, que forman parte do programa de actos conmemorativos dos vinte anos do CCG, foron deseñadas para, entre outros obxectivos, facer máis visible a importancia dos novos espazos -espcialmente urbanos- que se están configurando na Península Ibérica e, en particular, deter minar cáles poden ser as sinerxias que debemos establecer co Norte de Portugal", segundo o coordinador, Antón Baamonde.

O arquitecto portugués Nuno Portas, profesor de Urbanística da Universidade de Porto, contrapuxo dous modelos de cidade: a cidade cun núcleo central arredor do cal van nacendo as periferias, e a cidade policéntrica, a cidade dispersa que medra arredor de diversos núcleos. Na súa exposición, Portas advertiu da necesidade de que exista unha autoridade en política urbanística supramunicipal e interrexional que dé resposta axeitada ós desafíos que presenta a estructuración urbana de toda a Franxa Atlántica, de Galicia e o Norte de Portugal.

A continuación, o urbanista Jordi Borja, describiu a evolución do urbanismo nas grandes cidades cunha ponencia titulada "O urbanismo das cidades españolas: entre o espacio público e o parque temático". Así abordou os grandes proxectos urbanísticos de cidades como Bilbao, Madrid e Barcelona, analizando qué proxecto conseguiron transformar a paisaxe urbanística ata chegar a converterse en símbolos das cidades e cáles quedaron en proxectos baleiros. Borja tamén reclamou unha cidadanía máis activa na planificación urbanística das cidades. A xornada de mañá rematou cun debate moderado por Ramón Maíz.

As Xornadas Estratexias de Futuro, que coordina o profesor e ensaísta, Antón Baamonde, continuarán mañá venres centradas en ubicar o urbanismo galego en comparanza co seu entorno xeográfico máis próximo: Portugal e Castela e León. O urbanista Ánxel Viña falará de "Galicia e o Norte de Portugal como espacio de sinerxias" e profesor portugués Antonio Figueiredo exporá "Cuestións de gobernanza do policentrismo periférico: o caso de Galicia e o Norte de Portugal". Xa pola tarde, os catedráticos Xavier Rubert de Ventós, co relatorio "¿Competitivos ou complementarios?" e Fermín Bouza, con "Castela e Galicia: analoxías e disparidades", pecharán os encontros. As xornadas comenzaron o pasado día 12 cunha conferencia do filósofo francés, Gilles Lipovetsky, un dos máis lúcidos analistas da contemporaneidade e autor de obras como "A era do vacío" ou "O imperio do efímero".