NOTICIA

----

AS XORNADAS "GALICIA, ESTRATEXIAS DE FUTURO" CONCLUIRON CUNHA REFLEXIÓN A DÚAS BANDAS SOBRE O PROBLEMA DE ESPAÑA

Sobre o "problema de España" reflexionaron aberta e críticamente Xavier Rubert de Ventós e Fermín Bouza nos relatorios que cerraron asXornadas "GALICIA, ESTRATEXIAS DE FUTURO: NOVOS ESPAZOS NA SOCIEDADE GLOBAL", que tiveron lugar desde o día 12 de novembro no Consello da Cultura Galega (CCG) e coas que a institución quixo subliñar tamén os seus primeiros vinte anos.

Tanto o catalán Rubert de Ventós catedrático de Estética na Escola de Arquitectura de Barcelona, coma o galego Fermín Bouza, catedrático de Opinión Pública na Universidade Complutense de Madrid, chamaron a atención sobre a dialéctica centro-periferia e a febleza da idea de España, contraposta ás tensións coa periferia vasca. "Parece xusificada a aparición de pasións independentistas", dixo Rubert de Ventós. "O nacionalismo, se non existe, hai que inventalo. Hai que partir da vontade popular para levantar un país", afirmou Fermín Bouza. Ambos os dous foron presentados por Damián Vilallaín, Director da Fundación "Carlos Casares" e disertaron sobre "¿Competitivos ou complementarios?" e "Castela e Galicia: analoxías e disparidades", respectivamente.

Os dous relatores non deixaron de chamar a atención sobre os riscos, presentes e futuros, que unha situación así comporta. Ambos coincidiron, e dialogaron, sobreo que Bouza chamou " a falta dun lexendario español aceptable para todos", co que apuntaban a un dos aspectos subliñados no programa das xornadas, é dicir, o problema de España contemplado dende a óptica da agregación ou non dos seus territorios e a da diferenza de "tempos".

GALICIA-NORTE DE PORTUGAL
As xornadas comezaron cun relatorio do economista e urbanista Ánxel Viña titulado "Galicia e o Norte de Portugal como espacio de sinerxias". Viña expuxo as características desta Eurorrexión, a articulación das súas cidades e reclamou unha revalorización dos recursos urbáns deste espacio como elemento para potenciar o seu desenrolo económico. Así, advertiu que as políticas europeas deberían estar encamiñadas a acadar un equilibrio territorial na Unión Europea (UE) non só no ámbito económico, senón tamén de poder e protagonismos, pasando dunha concentración nun único núcleo a un sistema policéntrico, no que as diferentes cidades, incluidas as das periferias, estén integradas mediante unha política de comunicación e transportes, de colaboración e de respecto ambiental.

O profesor da Facultade de Economía de Porto, Antonio Figueiredo, continuou a descrición do Eixo Atlántico feita por Viña e analizou pormenorizadamente o caso de Galicia e o Norte de Portugal como exemplo de policentrismo periférico. Figueiredo destacou a potencialidade excepcional deste Eixo como factor de organización territorial e de orientación das políticas públicas. Na súa opinión, difícilmente se poderá dar unha volta ó monocentrismo, á prevalencia dunha soa cidade que polarice todo o crecemento, e por elo apostou por aproveitar a complementariedade das cidades que compoñen un sistema interrexional como o Eixo Atlántico. As xornadas foron coordinadas polo profesor e ensaísta Antón Baamonde.