----

O I SIMPOSIO GALEGO DE TERMINOLOXÍA REMATOU COA PRESENTACIÓN DE DIFERENTES FERRAMENTAS E PRODUCTOS TERMINOLÓXICOS

O idioma galego dispón xa de ferramentas e productos terminolóxicos numerosos e sistematizados e conta asemade cunha "Metodoloxía do traballo terminográfico puntual en lingua galega", presentada no curso da derradeira sesión de traballo do I Simposio Galego de Terminoloxía, celebrado nas dependencias do Consello da Cultura Galega (CCG). Ás sesións asistiron máis de cen investigadores, lingüistas e traductores. Os traballos completáronse coas IV Xornadas da Asociación Española de Terminoloxía (Aeter). O Simposio, terá continuidade e carácter bianual e abriu xa a consulta para unha consulta sobre a posible creación da Asociación Galega de Terminoloxía.

A "Metodoloxía do traballo terminográfico puntual en lingua galega", elaborada por Xusto Rodríguez Río, publicada pola Sección de Lingua do CCG, foi elaborada, en palabras de Henrique Monteagudo, coordinador da Sección, "desde unha concepción pragmática e posibilista, que ten en conta as circunstancias reais nas que o traballo terminográfico se desenvolve en Galicia e intenta adaptar as pautas internacionais de forma que sexan aplicables para un profesional que traballe actualmente en Galicia. A súa publicación responde ó obxectivo de incardinar a produción terminolóxica galega nas redes internacionais abundando asemade na súa visibilidade". A sesión de hoxe serviu tamén a presentación do "Censo de productores e productos terminográficos galegos", realizados por Ana Isabel Martínez Fernández, da Sección de Lingua do CCG. Trátase dunha base de datos con 248 productos (diccionarios, léxicos e obras de referencia), que inclúe tamén información sobre publicacións periódicas das áreas de coñecemento.

O censo de productores ofrece máis de novecentos rexistros de elaboradores de terminoloxía. Pola súa parte, Berta Castaño Torrado presentou "Arrecada: ficha de traballo terminográfico de TERMIGAL e da Comisión Técnica de Linguaxes de Especialidade". Antes de clausura a biblioteca do CCG acolleu a presentación de diferentes productos terminolóxicos: Rexistro de productos (Manuel Nüñez Singala). O observatorio de neoloxía da Universidade de Vigo (Xosé María Gómez Clemente). Foro Canal-Ciencia (Xusto Rodríguez Río). "O proxecto COM-FORMA e a formalización do galego xurídico" (Alberte González Montañés) e os vocabularios elaborados por TERMIGAL, que van do comercio electrónico e a informática á acuicultura, as artes gráficas, a música, a televisión ou a hostalería. Compre salientar tamén a existencia dunha lista de correo especializada en terminoloxía galega, creada pola Sección de Lingua do CCG e á que pode accederse a través da páxina web da institución.

Os tres días de traballo acolleron tamén en sesións de tarde as IV Xornadas da Asociación Española de Terminoloxía (AETER), presididas pola súa titular, María Teresa Cabré Castellví, quen, polo demais, tivo unha activa participación no simposio.Na opinión dos organizadores, este I Simposio Galego de Terminoloxía (Terminoloxía e planificación lingüística) cumpriu os seus obxectivos que se propoñían: abordar de modo sistemático e multilateral cuestións técnicas na elaboración terminolóxica do galego; inserir o galego no debate sobre a elaboración terminolóxica peninsular; dar a coñecer a infraestructura e os criterios que subxacen na elaboración terminolóxica ó persoal de servicios lingüísticos e presentar nun foro especializado os últimos avances na producción de ferramentas e publicaciòns sobre terminoloxía en Galicfia.

Tamén cumpriu coa finalidade de xerar unha dinámica de contacto periódico entre os elaboradores do corpus de especialidade galego e os consumidores máis habituais e, asemade, difusores desa elaboración. Organizado por TERMIGAL (Servicio de Terminoloxía Galega, que desenvolve a súa actividade no Centro "Ramón Piñeiro" e no Seminario de Lexicografía da Real Acadeia Galega) e a Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega, simposio foi clausurado hoxe ó mediodía cun breve acto que contou coas intervencións de Manuel González González e Henrique Monteagudo Romero, coordinadores de Termigal e da Sección de Lingua, respectivamente.