NOTICIA

----

COMENZARON NO CENTRO "RAMÒN PIÑEIRO" OS TRABALLOS DO I SIMPOSIO GALEGO DE TERMINOLOXÍA COA ASISTENCIA DUN CENTO DE INVESTIGADORES

"Os estudios terminolóxicos deben ter unha especial relevancia nas linguas en proceso de normalización", afirmou Manuel González, coordinador do Servicio de Terminoloxía Galega (TERMIGAL) no acto inaugural do I Simposio Galego de Terminoloxía, celebrado esta tarde no Centro "Ramón Piñeiro", en Santiago. As sesións de traballo, ás que asisten un cento de investigadores e estudiosos, continuarán o venres e o sábado no salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) e inclúen, en horario de tarde, o desenvolvemento do programa das IV Xornadas de Traballo da Asociación Española de Terminoloxía (AETER).

O acto inaugural foi presidido polo Director Xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, quen se felicitou pola colaboración institucional que fixo posible a organización dun simposio, convertido en marco de cooperación interlingüística. Á esa cooperación aludiron tamén María Teresa Cabré Castellví, presidenta de AETER e o xa citado Manuel González, quen insistiu na idea da necesidade dun desenvolvemento terminolóxico adecuado para dar resposta ás necesidades que impoñen a modernidade e a evolución tecno-científica. O acto contou asimesmo coa intervención de Francisco Díaz Fierros, vicepresidente do CCG e que representaba asemade á Real Academia Galega.

A primeira conferencia foi pronunciada deseguido por Joaquín Fernández Pérez, catedrático de Bioloxía Celular da Universidade Complutense de Madrid, quen falou da terminoloxía codificada, quere dicir, reglas e normas para os vocablos propios dunha disciplina determinada.

Lingua especializada
O simposio proseguirá mañá no CCG con dúas mesas redondas. Ás 10´00 horas, "O Desenvolvemento do galego como lingua de especializdade, visión do especialista", moderada por Luís Daviña Facal e coa participación de: Miguel Conde Teira (Sociedade Galega de Ornitoloxía); Xosé Masa Vázquez (Universidade de Santiago) e Xosé María Lema Suárez (IES "Losada Diéguez" de A Estrada).

Ás 12´00 horas, a segunda mesa redonda, moderada por Xesús Ferro Ruibal, abordará "o aproveitamento do portugués na elaboración terminolóxica galega" coas ingtervencións de María Rute Costa Vilhena (Terminoloxía de Portugal); María Xesús Miramontes Castro (Servicio de Traducción da Xunta de Galicia); Valentina Formoso Gosende (Equipo de Normalización do IES "Félix Muriel" de Rianxo); Liliana Martínez Calvo (Termigal) e Salvador Pérez Froiz (Televisión de Galicia).

O I Simposio de Terminoloxía Galega, que se propón inserir o galego no debate sobre a elaboración terminolóxica peninsular", foi organizado polo Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de Henrique Monteagudo, responsable da Sección de Lingua, e Manuel González González, coordinador de Termigal.