O CONGRESO INTERNACIONAL DE BOUHIER ABORDA O DIFÍCIL FUTURO DA AGRICULTURA EN GALICIA

Presente, pasado e futuro da agricultura galega. Este foi o denominador común da segunda xornada do Congreso Internacional "Galicia dende La Galice. Homenaxe a Abel Bouhier", que se celebra na sede do Consello da Cultura Galega desde onte e ata o mañá, venres 16.

O futuro de Galicia como parte integrante da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal foi o controvertido relatorio que abriu a mañá. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Mª Isabel Fernández Justo, fixo unha xénese e definiu as carácterísticas desta rexión "periférica, atlántica, desconectada dos principais puntos de desenvolvemento económico europeo e cun nivel de renta moi inferior ó do resto de Europa".

Neste aspecto, Fernández Justo, tras expor as características económicas que definen a Galicia e o Norte de Portugal, levou a súa intervención á explicar a difícil situación que atravesa a agricultura en Galicia. "Nun prazo de cinco anos", asegurou, "desaparecerá a subvención agraria europea", polo que será necesario iniciar unha reforma do sector agrícola, que cualificou de "sobredimensionado e escasamente rentable".

Desaparición das pequenas explotacións
Segundo Fernández Justo, o futuro pasa pola desaparición das pequenas explotacións agrarias, sobrevivindo só aquelas que se tecnifiquen "e sexan competitivas". Para iso, explicou, xa se puxeron en marcha plans rexionais e europeos que, a dez anos vista, encamiñen a economía galega cara á reducción da poboación dedicada ós sector primario.

Da retrospectiva da agricultura en Galicia, nesta ocasión entre 1550 e 1850, ocupose o profesor da Universidade de Santiago, Pegerto Saavedra, gran coñecedor da obra de Bouhier e un historiador moi influenciado pola xeografía. O profesor Saavedra insistiu en que La Galice foi un fito no estudio da xeografía galega, xa que nela "reflíctese un gran coñecemento e sensibilidade cara ó mundo rural galego".

En canto á evolución pola que pasou a agricultura galega a partir do século XVI a partires da introducción do cultivo do millo, Pegerto Saavedra fixo unha rápida síntese dos modos de cultivos e os tipos máis comúns en Galicia, "tendo en conta que hai diferencias nas labores agrícolas rexistradas na zona litoral e na do interior".

Investigación de Bouhier
Pegerto Saavedra puxo de manifesto unha das aportacións máis relevantes do estudio de Bouhier, no que o xeógrafo francés soubo probar que a agricultura que se daba en Galica cara ó 1600 xa estaba moito máis avanzada do que moitos dos estudios feitos ata entón supoñían.

A mañá no Consello da Cultura Galega rematou coas intervencións de Patrick O’Flanagan, da Universidade de Cork, quen fixo unha revisión das obras de cinco xeógrafos -entre os que se atopaba Bouhier-, como "pioneiros no estudio da Europa Atlántica desde perspectivas rexionai", e o Director Xeral de Desenvolvemento Rural, Manuel López Casas.